- Tematica
Malia a discrepancia sobre algunhas cuestións relativas ao Código Ético do Concello de Ames e ao expediente de licitación do Servizo de Limpeza integral, propostos para aprobación polo grupo de goberno, todos os temas tratados onte no Pleno ordinario de novembro do Concello de Ames, saíron adiante. Por unanimidade aprobáronse a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria, a constitución do Consello Sectorial da Persoas Maiores e a aprobación inicial do Regulamento do Consello Sectorial de Educación. Coa abstención das/os edís do grupo popular, saíu adiante a aprobación do Código ético e de Bo Goberno do Concello de Ames. O expediente de licitación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos centros educativos de Ames aprobouse co voto en contra do PP. A moción presentada polo Partido Popular en apoio ao sector lácteo saíu adiante por unanimidade. Denates do comezo da sesión, gardouse un minuto de silencio como símbolo de dó polas vítimas da violencia machista.
Convenio coa Axencia Tributaria
O primeiro dos puntos a tratar no apartado de “para deliberación e debate” foi a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais. Na exposición da proposta, a concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, Explicou que “O Concello de Ames está adherido ao Convenio asinado en 2003 entre a AEAT e a FEMP para a colaboración en materia de intercambio de información tributaria e xestión recadadora das entidades locais, no marco da colaboración mutua e relación entre administracións. O 18 de marzo deste ano 2021, a FEMP e a AEAT asinaron un novo convenio apostando por un novo marco que regule este intercambio da información adaptándose aos avances tecnolóxicos” Otero salientou que “considerando que a adhesión a dito convenio posibilita manter un fluxo de intercambio de información entre a AEAT e o Concello para un mellor funcionamento das actividades desenvolvidas dentro dos servizos administrativos, coa conseguinte redución de cargas administrativas propoñemos ao Pleno a adhesión a este novo convenio de colaboración”. Todos os grupos concordaron que o convenio favorece á cidadanía e contribúe a mellorar a eficiencia do traballo na administración. A proposta saíu adiante cos votos a favor de todos os membros da corporación.
Consello sectorial das persoas maiores
Unanimidade tamén para a aprobación da constitución do Consello Sectorial das Persoas Maiores do Concello de Ames, proposta que defendeu a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo e que se encadra dentro do regulamento de participación cidadá que fora orixinalmente aprobado no pleno de febreiro de 2019 e que supón a cuarta proposta de Consello Sectorial que se debate este ano, despois de que se aprobaran os Consellos de Educación e Cultura en febreiro e Nenos e Nenas, a finais de setembro. Feijóo falou da necesidade de ter en conta a valía e a experiencia que aportan as persoas maiores “que co incremento da esperanza de día ademais cada vez seremos máis” para enriquecer a vida municipal. Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos celebrou como “boa nova” a proposta, Tamén gabou a iniciativa Quique Costas, de Ames Novo quen, a modo de brincadeira, levou o tema ao seu terreo: “”Como amante da participación e persoa maior que son descubro que aínda teño futuro nesta vida municipal”. Oliva Agra, do PP, cualificou de moi importante a proposta e pediu que no futuro se cumpra con todo o exposto”.
Consello sectorial de Educación
Tampouco suscitou controversia a proposta de aprobación inicial do regulamento de funcionamento do Consello sectorial de Educación do Concello de Ames. David Santomil lembrou que xa este órgano de participación veciñal xa se constituíra mediante acordo plenario do 25 de febreiro de 2021: “Tras a súa creación a Concellaría de Educación propuxo un Regulamento do Consello que recolle ao longo de oito artigos a composición, as competencias e o funcionamento do órgano colexiado”. O regulamento foi sometido a consulta pública sen que se presentase ningunha suxestión ”cuestión que motiva que agora se propoña ao Pleno para a súa aprobación inicial”. Todos os grupos salientaron o feito de que o documento recollese as achegas feitas polo resto dos partidos e pasase o período de alegacións sen recibir ningunha queixa, ao tempo que desexaron que se puxese en marcha o máis axiña posible. Pola súa banda, Xosé Ramón Oulego, de Ciudadanos, aplaudiu que se recollese a proposta de que se aceptase a posibilidade da presenza telemática.
Código Ético e do Bo Goberno do Concello de Ames
A proposta da aprobación do Código ético e do Bo Goberno do Concello de Ames foi defendida pola concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, que explicou que que “este código, parte do Programa de Goberno 2019 – 2023, e foi proposto dende a Concellaría de Transparencia. Inclúe cinco grandes partes, entre as que se atopan disposicións xerais, principios reitores da actividade municipal, normas de conduta, pautas en materia de contratacións e subvencións e o seguimento e avaliación do propio Código e súa redacción toma como referencia leis estatais e autonómicas de transparencia e bo goberno, recomendacións do Consello de Europa e códigos de conduta doutros concellos e da Unión Europea. Vidal matizou que o Código dirixiríase aos políticos, ao persoal eventual, ás entidades vinculadas e con relacións con Concello e aos directores cos que no futuro contarase no Concello de Ames. O representante de Ciudadanos anunciou o seu voto a favor manifestando que “defendemos que a actividade pública estea rexida polos principios de transparencia e participación e poida ser fiscalizada pola cidadanía”. Tamén Quique Costas, de Ames Novo, anunciou o seu voto favorable “malia non ser fan dos códigos éticos porque pouco aportan as normas que xa veñen dadas pola lexislación existente con leis cuxo incumprimento ten consecuencias”.
Pola súa banda, o Partido Popular fundamentou a súa abstención no feito de que que non se lle recollese unha das cinco emendas que presentaron ao documento, concretamente a referida á “priorización do uso de software libre e impulso dese formato”, incluída no texto e coa que o seu grupo non estaba conforme. Vidal respondeu que este sistema é empregado por todas as administracións e “garante a transparencia e mellora a relación dos cidadáns coa administración pública” e o alcalde de Ames, Blas García, lembrou antes da votación que a propia Xunta de Galicia utilizaba A concelleira do grupo de goberno, Vanessa Vidal, explicou que utilizaba e fomentaba o uso de software libre. Finalmente a proposta saíu adiante cos votos a favor de todos os grupos políticos, agás do dos concelleiros/as do grupo Popular que se abstiveron.
Adxudicación do Servizo de Limpeza
O outro punto de fricción entre o goberno e a oposición deuse na proposta de adxudicación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos Centros Educativos do Concello de Ames. A proposta foi argumentada pola concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, que explicou que “O presuposto total da base de licitación para tres anos é de 1.958.214 €, dividida en tres lotes: o primeiro para o Servizo de Limpeza nos Centros de Educación Infantil e Primaria e nas Escolas Unitarias por valor de 1.042.050 euros; o segundo para ao servizo de Limpeza das Escolas Infantís ao que se lle adxudicarían 298.205 euros; o terceiro abrangue o Servizo de Limpeza das instalacións de uso municipal 617.959 euros”.
Na quenda de intervencións, o PP pediu que a aprobación da proposta se aprazase até que elaborasen uns novos pregos “que emendasen erros e recollesen especificamente en cada un dos lotes que o servizo de limpeza debería facerse diariamente” , ao que a concelleira de Economía respondeu que “no prego de prescricións técnicas que rexen a contratación xa se recolle, no apartado 7, as frecuencias e horarios dos servizos para os tres lotes e que especificamente ben como frecuencia diaria para os tres lotes a limpeza de aseos e vestiarios con concreción das tarefas a realizar diariamente”. A proposta saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.
Moción a prol da defensa do sector lácteo
Como último punto da orde do día debateuse unha moción presentada polo grupo do Partido Popular en defensa do sector lácteo. A moción supuxo o “bautismo” como poñente de Pablo Beiroa, o novo concelleiro do Partido Popular. A moción pedía ao Goberno de Ames que instase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, “a adopción de medidas que, na Lei da Cadea alimentaria, actualmente en tramitación, garantan, entre outras cuestións, “que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción” e á Xunta de Galicia que adoptase medidas para a promoción dos produtos lácteos galegos. Nas quendas de resposta, o concelleiro de Ciudadanos, Xosé Ramón Oulego lembrou que “o sector lácteo representa un 1,7 do PIB galego, Quique Costas de Ames Novo matizou que “o prezo do leite subiu pero nin un só céntimo repercutiu en que o produce”. Vanessa Vidal de Podemos Ames pediu que a “iniciativa se estendese a outros sectores” e Manuel Lens, do PSOE botou de menos unha referencia ao apoio as cooperativas. A moción aprobouse por unanimidade.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Ames reserva 1,9 millones para la limpieza de edificios públicos y colegios"
El Correo Gallego: "Exigen que se obligue cada día a limpiar los inmuebles públicos"
Lindeiros: "O pleno de Ames aproba un código ético e a licitación do servizo de limpeza"
AMSGO!: "Ames reforzará a cooperación en materia tributaria con outras administracións"