- Tematica
Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolle unha nova edición da tradicional carreira ciclista do pavo este domingo, 12 de decembro. As actividades comezarán ás 11:00 horas, cunha xincana para a cativada, mentres que a proba iniciarase ás 12:00 horas. Ao remate da carreira, realizarase unha homenaxe ao ciclista galego, Gustavo César Veloso, que este ano pon fin á súa traxectoria profesional e que participará no evento. As inscricións xa están abertas tanto para as persoas federadas, na web da Federación Galega de Ciclismo, como para as persoas sen licenza, que deben enviar os seus datos antes do 10 de decembro, ás 14:00 horas, ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com.
Está previsto que este domingo, 12 de decembro, a partir das 12:00 horas, se dispute a XIV edición da carreira ciclista do pavo. As persoas participantes terán que dar unhas vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude, se así as condicións meteorolóxicas o permiten. No inicio das voltas 5, 10 e 15, realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir premios de Nadal entre os/as gañadores/as.
Debido á celebración desta proba, en horario de 11:45 a 13:00 horas, cortarase o tráfico en Bertamiráns, nun tramo da avenida da Maía (dende a rotonda principal ata a estrada de Lapido), na estrada de Lapido, no camiño de Paraxó e na rúa das Pesqueiras, para que circulen os/as ciclistas durante o transcurso da proba. Recoméndase evitar as vías mencionadas, na medida do posible, e utilizar a AG-56 e desvíos alternativos, así como ter en conta o uso dos garaxes afectados polas vías mencionadas durante dito horario. Premendo nesta ligazón podes descargar un aviso sobre os cortes de tráfico en Bertamiráns debido á celebración da carreira ciclista do pavo.
As actividades para a cativada terán lugar antes do arranque da carreira, ás 11:00 horas, cunhas xincanas ciclistas. A organización recorda que as nenas e nenos tamén deben inscribirse seguindo os mesmos pasos que as persoas que queiran participar na carreira sen licenza, para así contar con seguro durante a actividade.
Homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso
Ao remate da proba, a comunidade do ciclismo galego que se achegue á proba participará nunha homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso, que aos 41 anos pecha a súa carreira como profesional da bicicleta. Do seu palmarés, destacan dúas vitorias na clasificación xeral da Volta a Portugal (2014, 2015), unha da Volta a Cataluña (2008) e unha vitoria de etapa na Volta a España en 2009, co xa desaparecido Xacobeo Galicia.
Os premios da carreira, como é habitual, consisten na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición.
As persoas que xa estean federadas xa poden inscribirse na proba a través da web da Federación Galega de Ciclismo, ou ben esperar ata a xornada de celebración da carreira, ás 11:00 horas, cando poderán facer a súa inscrición de maneira presencial. No caso de non estar federado, cómpre enviar datos persoais ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com, antes do 10 de decembro ás 14:00 horas.
De acordo coa normativa da Xunta de Galicia, esíxese o certificado de vacinación con pauta completa ou un test de antíxenos para a participación na proba. Este test debe realizarse cunha antelación máxima á celebración da proba de 72 horas.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A Carreira do Pavo incluirá o domingo cortes na capital maiá"