Pestanas principais

Adxudícase o contrato para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns

Sábado, 11 de decembro de 2021

A empresa SYR-AMG SL será a encargada de executar a obra para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns. O presuposto de adxudicación das obras ascende a 81.771,99 euros (IVE incluído). As obras inclúen melloras nos accesos, baños, vestiarios, o cambio de uso da oficina a cuarto de usos diversos, a implantación de luminarias de baixo consumo e a substitución da caldeira por un sistema enerxético máis eficiente. Nos pregos de licitación inclúese a obrigatoriedade de contratar unha muller demandante de emprego. Esta obra está sufragada con cargo ao POS 2020.

Hai pouco máis dun ano que se realizaron diversas melloras no campo de fútbol de Bertamiráns coa instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración. Ademais, executáronse outras melloras nestas instalación como foron a colocación dun pavimento perimetral de cor azul para mellorar a zona de tránsito peonil; melloras na rede de drenaxe con novas canaletas e no sistema de rega coa instalación de novos canóns emerxentes que se gardan debaixo do céspede.

Outras melloras foron a colocación de novas torres con novos puntos de luz led para gañar en eficiencia enerxética e aforro de enerxía. Asemade, cambiáronse todas as redes parabalóns que están ao redor do terreo de xogo; instaláronse novos banquillos coas cores do Bertamiráns FC; instaláronse 4 novas porterías de fútbol 8 e dúas novas porterías de fútbol 11; impermeabilizouse a grada existente xa que tiña goteiras e colocáronse 150 butacas nas gradas, tamén coas cores do Bertamiráns FC.

Quedaba pendente a rehabilitación dos vestiarios, unha obra que vén de ser adxudicada á empresa  SYR-AMG SL por un importe de 81.771,99 euros (IVE incluído). Deste xeito, ditas obras inclúe o  peche dos vestiarios até a altura de separación coas duchas. Tamén se pecharán as duchas cara ao corredor e realizarase unha conexión directa cos vestiarios.
 
Asemade, pecharanse os aseos cunha porta corredoira e reorganizaranse e incorporaranse os aseos próximos aos vestiarios dos árbitros. Cambiarase o uso da oficina a cuarto de usos diversos, entre eles o de almacén para utensilios de limpeza e para equipamento deportivo.

Ademais adecuarase a iluminación actual e colocaranse luminarias de baixo consumo LED. Por último, substituirase a caldeira de gasóleo para a produción de agua quente sanitaria (ACS) por un sistema más eficiente de aerotermia, con bomba de calor eléctrica, o que implicara a adaptación da tubaxe e dos cadros eléctricos.

Investimento feito no campo de fútbol de Bertamiráns
Deste xeito, se temos en conta as obras realizadas en 2020 e maila reforma dos vestiarios, investiranse preto de 400.000 euros. Na reforma feita o ano pasado investíronse 312.067 euros, que foi posible grazas ás xestións que fixo o Goberno municipal coa Deputación da Coruña. A Deputación financiou o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegou o 20% restante. Agora, hai que sumar  81.771,99 euros para a rehabilitación dos devanditos vestiarios.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “a reforma do campo municipal de fútbol de Bertamiráns era moi necesaria xa que é unha instalación moi utilizada. Quedaba pendente, despois das obras feitas o ano pasado, a reforma dos vestiarios. Unha vez finalizados estes traballos, as instalacións do campo de fútbol de Bertamiráns quedarán totalmente renovadas. Estas obras enmárcase no plan de mellora das instalacións deportivas de Ames”.

Imaxe do campo de fútbol municipal de Bertamiráns