Pestanas principais

Gustavo César Veloso gaña a décimo cuarta edición da Carreira Ciclista do Pavo

Luns, 13 de decembro de 2021

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolleu este domingo, 12 de decembro, unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo. Gustavo César Veloso quedou en primeira posición, seguido de Rubén Fandiño e Jacobo Ucha, que foron segundo e terceiro respectivamente. Nesta proba participaron un total de 92 ciclistas. Antes da carreira houbo unha xincana na que puideron participar os nenos e nenas.

Un total de 92 ciclistas dos 120 que estaban inscritos participaron este domingo na XIV Carreira Ciclista do Pavo. Os participantes tiveron que dar unhas 20 voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. O gañador da proba foi Gustavo César Veloso, mentres que na segunda e terceira posición quedaron Rubén Fandiño e Jacobo Ucha, respectivamente. Ademais, no inicio das voltas 5, 10 e 15, realizouse un sprint especial ao paso por meta. O primeiro sprint gañouno Rubén Fandiño, no segundo impúxose Miguel Alejandro, mentres que o terceiro sprint foi para Iván Días.

Os premios da carreira, como é habitual, consistiron na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición.

No acto da entrega de premios estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e outros/as concelleiros/as do grupo de goberno como Ana Belén Paz, Natividade González e Víctor Fernández. En representación do grupo municipal do Partido Popular asistiron Oliva Agra e Pablo Beiroa.

Homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso
Ao remate da proba, a comunidade do ciclismo galego que se achegou á proba participou nunha homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso, que aos 41 anos pechou a súa carreira como profesional da bicicleta. Do seu palmarés, destacan dúas vitorias na clasificación xeral da Volta a Portugal (2014, 2015), unha da Volta a Cataluña (2008) e unha vitoria de etapa na Volta a España en 2009, co xa desaparecido Xacobeo Galicia.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Gustavo César Veloso gaña a Carreira Ciclista do Pavo"

Imaxe da carreira ciclista do pavo

Multimedia

  • Imaxe da carreira ciclista do pavo
  • Imaxe da carreira ciclista do pavo
  • Imaxe do podio da carreira ciclista do pavo
  • Imaxe do podio da carreira ciclista do pavo
  • Imaxe da carreira ciclista do pavo
  • Imaxe da xincana ciclista
  • Imaxe da xincana ciclista
  • Realizouse unha homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso
  • Imaxe do podio das nenas e nenos que participaron na xincana