Pestanas principais

Últimas horas para adquirir os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2022

Luns, 03 de xaneiro de 2022

Mañá, martes 4 de xaneiro, remata o prazo para mercar os bonos culturais da programación de cultura de Ames para a primeira metade de ano. Os 20 bonos que puxo á disposición da veciñanza a Concellaría de Cultura, cun prezo de 30 euros, permiten acceder aos doce espectáculos para público adulto do itinerario cun desconto do 50% sobre o importe total das entradas. O trámite realizase en poucos minutos a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. Pola súa banda, as entradas individuais estarán dispoñibles a partir deste mércores 5 de xaneiro.

O proceso de retirada dos bonos culturais faise a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames en apenas seis pasos. En primeiro lugar, cómpre estar rexistrado na Billeteira e acceder ao panel interno. Dende alí, e a través do menú lateral esquerdo, haberá que seleccionar a opción “Compra de bonos”. A través desta opción, indicaranse o número de bonos a retirar e as butacas que quedarán reservadas para os doce espectáculos, que serán sempre as mesmas, tanto para as funcións no auditorio do Milladoiro como no de Bertamiráns. Unha vez realizado o pago, recibirase a entrada de bono vía correo electrónico, que poderá empregarse para asistir aos doce eventos que inclúe.

A programación orientada ao público adulto dobra as súas propostas con respecto ao 2021, con doce representacións nesta primeira metade de ano polas seis do mesmo período do ano anterior. O itinerario inclúe oferta de danza tradicional e contemporánea, espectáculos de novo circo, teatro dramático e contemporáneo, mais sobre todo é a comedia o xénero con maior presenza, con ata sete obras deste tipo na primeira metade de ano. As funcións están distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, e van dende o mes de xaneiro ata maio. Para consultar a programación cultural completa poden premer nesta ligazón.

Entradas individuais dispoñibles a partir do 5 de xaneiro

Pola súa banda, as entradas poderán adquirirse a partir do mércores 5 de xaneiro, ao rematar o período de venda de bonos, a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo dos espectáculos nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou no Milladoiro, no caso de que estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Prazo para mercar bonos culturais ata este martes"

Últimas horas para adquirir os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2022

Multimedia

  • Últimas horas para adquirir os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2022
  • Últimas horas para adquirir os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2022