- Tematica
A Deputación da Coruña organiza oito edicións ao longo da provincia dunha actividade na que as mulleres dos 14 aos 70 anos poderán aprender técnicas e estratexias para defenderse ante posibles agresións. Ames acollerá este curso intensivo de catro horas o sábado 26 de febreiro, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro. Para inscribirse de balde, cómpre entregar esta solicitude cuberta nos rexistros municipais ata o 30 de xaneiro.
As mulleres que asistan á actividade participarán nun curso intensivo impartido durante toda unha mañá, no que se crearán varios grupos de traballo para facilitar a aprendizaxe e a práctica. En primeiro lugar, realizaranse exercicios de quecemento e ensinarase como situarse, afianzarse, saber caer e erguerse, manexarse no chan, moverse e desprazarse e manter a distancia.
Unha vez coñecidas estas e outras técnicas de autodefensa, pasarase á parte estratéxica, na que se establecerá un protocolo de actuación que impida bloqueos e facilite a reacción de resposta. Así, daranse indicacións e consellos sobre como distraer, sorprender, enganar, rexeitar, reaccionar e pedir axuda.
Para realizar a actividade, dirixida a mulleres entre os 14 e os 70 anos empadroadas en calquera concello da Coruña, recoméndase asistir con pantalón deportivo e camiseta, roupa cómoda e se fora posible, evitando cremalleiras. Durante todo o curso será obrigatoria a máscara.
Esta será a sétima edición do seminario de defensa persoal das oito que ten programadas a Deputación da Coruña ao longo da provincia, que comezaron en novembro de 2021 e rematarán en marzo deste ano. O mínimo de participantes é de 20, que se non se alcanza suporá a cancelación da actividade. O número máximo é de 70 persoas, que se poderá reducir en función co disposto nas últimas medidas vixentes contra a COVID-19.
Información sobre as inscricións
A inscrición debe realizarse ata o 30 de xaneiro, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello de Bertamiráns, das oficinas municipais do Milladoiro, ou ben a través da sede electrónica do Concello de Ames, entregando esta solicitude cumprimentada.
As persoas responsables das menores que queiran participar deben entregar a ficha de inscrición asinada e engadindo os seus propios datos no lugar indicado.
Para máis información pódese acudir á esta páxina web da Deputación da Coruña, chamar ao número de teléfono 981 080 644 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete.deportes@dacoruna.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Defensa persoal coa Deputación para as mulleres de 14 ata 70 anos no Milladoiro"