- Tematica
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana do Concello de Ames, David Santomil, mantivo unha reunión de traballo onte co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. O obxectivo deste encontro foi coñecer de primeira man o modelo de cidade que ten Pontevedra para, na medida do posible, aplicalo aos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Na actualidade estase na fase inicial de elaboración do documento da Axenda 2030 do Concello de Ames.
A conversa xirou ao redor dos retos que trae consigo a Axenda 2030, e a posta en común de ideas, solucións e previsións que os Concellos de Ames e Pontevedra poderían aplicar de cara ao futuro. O referente urbanístico que é Pontevedra neste eido é tomado como unha das posibles guías polo Concello de Ames, polo que na reunión foron comentados aspectos variados que foron desde o propio deseño urbano ata a cultura como dinamizadora do espazo público.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, destaca que “Pontevedra é unha referencia en materia de mobilidade e no eido urbanístico, polo que nos pareceu interesante coñecer de primeira man o que se está facendo alí para tratar de aplicar algo semellante en Ames. Na actualidade estamos na fase inicial de elaboración do documento da Axenda 2030 do Concello de Ames. A Axenda Urbana de Ames vai ser o documento estratéxico cara o 2030 no que se van integrar todas as actuacións no territorio (PXOM, EDUSI, PMUS,...) e que vai ser fundamental para captar novos fondos europeos no futuro próximo”.
No Plan Ames Progresa 2021-2023 inclúese unha cantidade orzamentaria de 100.000 euros. A razón débese a que a Axenda Urbana é a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións para levar a cabo na vindeira década para facer do concello de Ames un lugar de convivencia máis amable, ordenado e saudable. Este documento non normativo fixa inicialmente unha diagnose da situación e marca as liñas de actuación a desenvolver dun xeito máis equitativo e sostible.
Durante o pasado mes de decembro iniciáronse os trámites para a contratación do servizo de consultoría e asistencia técnica, que se encargará de prestar as tarefas e o asesoramento na elaboración dos documentos precisos de acordo co marco estratéxico, a metodoloxía, directrices e criterios que recolle a Axenda Urbana Española, para poder culminar co Plan de Acción Local de Ames, dando resposta aos ODS incluídos na Axenda Urbana das Nacións Unidas, na Axenda Urbana Europea e na Axenda Urbana Española.
A proposta metodolóxica deberá partir obrigatoriamente da elaboración do documento inicial de diagnóstico estratéxico, así como o asesoramento técnico para o análise das diferentes convocatorias para obter financiamento a través dos distintos fondos europeos aos que interesaría presentar candidatura. Durante o primeiro semestre de 2022, e unha vez rematado o documento inicial de diagnóstico estratéxico, procederase á licitación para a elaboración do Plan de Acción Local do Concello de Ames.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Santomil mira cara a Pontevedra para fixar o modelo das urbes amesás"