Pestanas principais

A Aula da Natureza aposta polas actividades ao aire libre na súa nova programación de primavera

Martes, 01 de febreiro de 2022

A Aula da Natureza presentou na mañá deste luns o seu itinerario para os meses de febreiro a maio, que inclúe propostas para todos os públicos e idades. Haberá excursións, cursiños e talleres no propio espazo da Aula, na que a veciñanza gozará e aprenderá máis sobre o entorno. Este sábado 5 comezan xa as actividades, cunha xornada dedicada á Festa da Luz para nenas e nenos dos 6 aos 12 anos, para a que xa se pode solicitar praza, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Deste xeito, a Aula da Natureza retoma a súa actividade, despois de que a parte final da súa programación de Nadal tivera que ser aprazada por mor da situación epidemiolóxica. Agora, o medio natural volve a ser protagonista, con excursións e formación relacionada coa natureza.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, espera unha boa resposta da veciñanza, repetindo e adaptando propostas anteriores con boa acollida. “Presentamos este traballo con moita ilusión, analizando as actividades que lle gustaron á nosa veciñanza, e esperando que se apunten e gocen do noso entorno, e que coñezan os valores ambientais do noso concello a través da natureza. É o primeiro ano que ofrecemos un campamento de natureza na primavera, un formato que en anteriores ocasións tivo moito éxito e polo que apostamos firmemente”.

A técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, expuxo o programa, repartido entre ofertas para todos os públicos, o público adulto e o infantil-xuvenil, e gabou a flexibilidade das propostas. “Buscamos opcións que poidan adaptarse ao tempo, todas contan cunha opción B e cun refuxio da choiva próximo”.

Sobre a variedade do itinerario falou o alcalde, Blas García, que destacou que se toquen “áreas diversas”. Deste xeito “mostramos a relación de determinadas tradicións e festividades co medio ambiente e as labores agrícolas. Así ocorre coa festa da Luz e coa festa dos Maios. Tamén realizamos saídas aos Ancares ou a Catasós e damos continuidade aos cursos, sempre moi demandados entre a veciñanza”. “Ademais, incidimos nos máis novos, para que poidan seguir vendo a importancia do medio ambiente e da sustentabilidade”, engadiu García.

Cinco actividades para a rapazada con natureza e lecer

Esta mesma semana comeza xa o primeiro conxunto de actividades do programa, “Inverno de chocolate”. As propostas, dirixidas a nenos e nenas dos 6 aos 12 anos, ocuparán tres sábados deste mes de febreiro con tradición e natureza. O día 5 xirará arredor das celebración da Festa da Luz, festividade atribuída á Virxe da Candelaria na tradición católica, mentres que o sábado 19 crearanse máscaras decorativas con materiais do entorno. Por último, o 26, ás portas do Entroido, a rapazada participante aprenderá a facer filloas e orellas, así como a elaborar doces con produtos locais.

Con 25 prazas dispoñibles, as inscricións para estas actividades xa están abertas, enviando a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. As propostas desenvolveranse en horario de 11:00 a 18:00 horas na Aula da Natureza, e contarán con servizo de autobuses.

As actividades da programación infantil e xuvenil continuarán en marzo, con “Séguelle a pista”, dúas propostas relacionadas co rastrexo de pegadas de animais, que terán lugar os sábados 5 e 12. Haberá 25 prazas dispoñibles orientadas á rapazada dos 8 aos 16 anos.

Xa en abril a Aula da Natureza organizará un campamento de natureza, que se desenvolverá do luns 11 ao mércores 13 e nos que poderán participar ata 25 rapaces e rapazas dos 6 aos 16 anos.

Para rematar, no mes do maio realizaranse dúas actividades. A primeira será a Festa dos Maios, que terá lugar o sábado 7. Pensado para idades dos 6 aos 16 anos, as 40 participantes repartiranse tarefas ao longo do día para elaborar os maios e gozar desta celebración tradicional. Ademais, o sábado 14 o Parque do Ameneiral acollerá o obradoiro sensorial “Con-tacto natural”, que forma parte da programación infantil con Apego do primeiro semestre do ano.

Agás para este último taller no Ameneiral, as inscricións de todas as actividades poden realizarse xa, cumprimentando a ficha de inscrición e enviándoa ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Actividades e excursións para todos os públicos

A Aula da Natureza organiza tamén diversas actividades e saídas para todos os públicos, nas que gozar do entorno e do aire libre ao longo de toda a primeira parte do ano. A primeira proposta deste tipo será o sábado 12 de febreiro, no que se recuperará a saída “Bosque de inverno”, unha das actividades que tiveron que aprazarse por mor da evolución epidemiolóxica a comezos de xaneiro.

Pola súa banda, marzo profundará na ornitoloxía, cun obradoiro de elaboración caixas niños para os paxaros e cunha saída ornitolóxica. En abril, será a quenda dunha excursión aos Ancares, os días 23 e 24. A Aula da Natureza organizará unha viaxe na que as persoas participantes escollerán permanecer unha xornada ou dúas, e na que o aloxamento e a manutención non están incluídas.

En maio, a veciñanza amesá poderá coñecer as plantas medicinais, cunha exposición interactiva sobre estas e cun percorrido botánico para recoñecelas na natureza, mentres que en xuño terá lugar unha saída á Fraga de Catasós e ao Museo Etnográfico “Casa do Patrón”, en Lalín.

Tres cursiños para o público adulto

Por último, o público adulto poderá gozar de tres cursiños nos meses de febreiro, marzo e maio. Retorna o cursiño de poda, que se desenvolverá o 12 e 25 de febreiro e o 5 e 12 de marzo. Tamén no mes de marzo, celebraranse o sábado 26 e o domingo 27 dúas xornadas de formación en apicultura. Tamén se espera que en maio dea comezo outro curso de conservación de froitas e hortalizas.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Talleres, excursiones y cursos del Aula da Natureza de Ames"

El Correo Gallego: "Cursos y salidas con el Aula da Natureza para ‘sumergir’ a los vecinos en el medio"

A Aula da Natureza aposta polas actividades ao aire libre na súa nova programación de primavera

Multimedia

  • A Aula da Natureza aposta polas actividades ao aire libre na súa nova programación de primavera
  • A Aula da Natureza aposta polas actividades ao aire libre na súa nova programación de primavera
  • Programación para o público adulto
  • Programación para o público infantil e xuvenil