O pasado mes de outubro rematou o primeiro ano da prestación conxunta do Servizo de Atención Temperá entre o Concello de Teo e o Concello de Ames. Este primeiro ano rematou con unha actividade por riba do planificado, acadando os 110 casos vinculados ao servizo.
A valoración da actividade deste servizo é moi positiva entre as familias beneficiarias, outorgando unha puntuación global media do servizo de 4,82 sobre 5 puntos.
Para poder dar continuidade a este servizo os concellos implicados acordaron prorrogar o convenio asinado no seu día e presentaron unha nova solicitude conxunta á subvención que convocou a Consellería de Política Social e Xuventude para o mantemento destes dispositivos. O resultado foi favorable, segundo se puido coñecer recentemente a través da resolución de concesión publicada no DOG cun importe total para as anualidades do 2023 e 2024 de 273.638,43 euros. Deste xeito, o SAT dos Concellos de Teo e Ames reforzaron este servizo coa incorporación dunha cuarta profesional ao equipo de atención dende o mes de febreiro de 2023. O equipo está formado por un psicólogo, unha terapeuta ocupacional, e dúas logopedas, unha delas a xornada parcial.
Este reforzo profesional permitirá atender con maior axilidade ás nenas e nenos entre 0 e 6 anos que presentan algunha dificultade no seu desenvolvemento, particularmente na área da linguaxe e comunicación na que se estaba a concentrar a maior demanda de atencións.
A agrupación de concellos de Teo e Ames para a prestación do Servizo de Atención Temperá foi beneficiaria da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.
O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento.
O resultado que se pretende acadar é facilitar a inclusión social e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.
O SAT está dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e ten por obxectivo darlles resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
O SAT constitúe unha extensión das atencións prestadas polos servizos sociais municipais, se ben o acceso a este require a prescrición da atención polos servizos de pediatría comunitaria ou hospitalaria. O equipo do servizo está a disposición de particulares, entidades e profesionais para a orientación ante calquera necesidade de información sobre as súas opcións de intervención.
O Servizo de Atención Temperá, posto en marcha de maneira conxunta entre os Concellos de Ames e Teo, ten as súas instalacións no enderezo Travesía das Galanas, 67, 1º andar (Teo), no que ofrece servizos de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Os números de teléfono de contacto son o móbil 604 014 894 e o fixo 881 023 475.
Horario:
Luns, martes e xoves: de 9:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas.
Mércores: de 9:00 a 19:00 horas.
Venres: de 8:00 a 14:30 horas.