Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o mes de Rosalía de Castro con teatro, un mural de Yoseba MP e coa actividade Rosalízate

Luns, 14 de febreiro de 2022

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello e cos departamentos de Cultura e Mocidade, elaborou unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía. A dita programación comeza este martes, 15 de febreiro, coa iniciativa Rosalízate. Colocáronse dous photocall, na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro, para que calquera persoa que o desexe poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Ademais, programáronse dúas obras de teatro: Rosalía, o lugar onde nacen as poetas (para o público infantil) e Libre coma os paxaros (para o público adulto). Por último, o artista Yoseba Muruzábal está elaborando o mural As Rosalías, na Casa da Cultura do Milladoiro, que será inaugurado o 23 de febreiro.

Un ano máis o Concello de Ames preparou unha programación específica para celebrar en febreiro o mes de Rosalía de Castro. Esta programación está centrada en tres actividades: teatro relacionado coa figura de Rosalía, a elaboración dun mural a cargo do artista Yoseba Muruzábal e máis a iniciativa Rosalízate, que é unha intervención ao aire libre e en espazos urbanos para que poida participar nela toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo concello de Ames entre o 15 e o 28 de febreiro do 2022.

A partir de hoxe están colocadas dúas estruturas a modo de photocall na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro. A idea é que calquera persoa poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Nesas estruturas aparece a imaxe de Rosalía acompañada de palabras simbólicas que poden definir a súa obra e o seu pensamento (lingua, alegría, rebeldía, xustiza, empatía, feminismo, valentía, arte, terra, identidade, compromiso...). Nos photocall colocaranse varias caretas para que quen queira poida rosalizarse tapando o seu rostro ou parte del (a idea é que saia a cara de Rosalía co corpo das persoas fotografadas). As caretas tamén se poden descargar premendo nesta ligazón e ao pé desta nova.

Aos centros educativos de infantil e primaria enviáronse varios modelos de máscaras en formato PDF para que poidan imprimilas e/ou retocalas. Así cada neno ou nena pode elaborar a súa propia cara de Rosalía. O alumnado pode levará para a casa a súa máscara co obxectivo de que, posteriormente, vaia coa familia fotografarse no photocall. Cada familia decidirá se continúa a actividade subindo ás redes as imaxes acompañadas de versos rosalianos ou non. Os centros educativos tamén poden subir esas imaxes acompañada de versos ás propias webs.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destaca que “a programación sobre a figura de Rosalía de Castro ten como obxectivo difundir a obra e pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos. Asemade, pretende resaltar e pór en valor o vínculo do Concello de Ames coa figura rosaliana e promover o achegamento da veciñanza á obra e á figura da autora".

Por outra banda, Escarlata Pampín, explica que “debido á pandemia da Covid-19 decidiuse non desenvolver a Gala de Rosalía na que participaban todos os centros educativos. Nesta situación vólvense propoñer actividades que minimicen os riscos de contaxio e que se poidan desenvolver coas máximas garantías sanitarias”.

Teatro relacionado coa figura de Rosalía
Ademais, durante o mes de febreiro haberá dúas funcións teatrais vinculadas á figura de Rosalía, unha para público infantil que chega da man da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e outra para público adulto programada polo departamento municipal de Cultura.

A primeira proposta representarase este xoves, 17 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Rosalía, o lugar onde nacen as poetas é unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega. A proposta busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. Os convites poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Trátase dunha función teatral desenvolvida por un equipo de mulleres intensamente vinculadas ao teatro e pensada para achegar a figura rosaliana aos nenos e nenas de primaria e ás súas familias e docentes. Rosalía está dirixida por Fina Calleja (responsable das montaxes infantís e xuvenís de Sarabela Teatro) e interpretada por Rocío González e Cristina Collazo, dúas actrices imprescindibles no panorama teatral e audiovisual de Galicia.

A segunda peza teatral incluída en dita programación é Libre coma os paxaros da compañía Teatro do Atlántico. Representarase o venres, 18 de febreiro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao igual que no caso anterior as entradas para asistir a esta función que programa o departamento de Cultura xa poden retirarse na  Billeteira electrónica. Nesta obra María Barcala representa a unha muller escritora, comprometida coa cultura do seu pobo, unha muller que visibiliza e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria. Esa muller é María Rosalía Rita de Castro.

Mural As Rosalías
Este ano terá continuidade a intervención de arte urbana As Rosalías, para poñer en valor a figura de Rosalía e os valores que representa de xeito permanente no noso concello. En 2021 a intervención realizouse nas paredes da Casa de Barbazán, situada na avenida da Peregrina de Bertamiráns. En 2022 o mesmo artista, Yoseba Muruzábal, está realizando unha intervención cos mesmo obxectivos nun dos muros exteriores da Casa da Cultura do Milladoiro. O mural inaugurarase o propio día de Rosalía, o 23 de febreiro de 2022.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Rosalía vive na Maía con photocall, mural de Muruzábal, teatro e obradoiros"

AMSGO!: "Ames prepárase para o Día de Rosalía con teatro e actividades para todos os públicos"

Lindeiros: "#rosalizate en Ames"

Imaxe do photocall Rosalízate

Multimedia

  • Imaxe da programación do mes de Rosalía de Castro
  • Imaxe do photocall Rosalízate, en Bertamiráns
  • Imaxe do photocall Rosalízate, no Milladoiro