Pestanas principais

Coñecer a Rosalía a través dos seus textos con “Libre coma os paxaros”, este venres 18 en Bertamiráns

Martes, 15 de febreiro de 2022

O venres 18 de febreiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, será a quenda de “Libre coma os paxaros” na programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022. O drama da compañía Teatro do Atlántico mostra unha muller escritora e poetisa, comprometida coa cultura do seu pobo, que reflicte e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria: María Rosalía Rita de Castro. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Libre coma os paxaros” busca ir alén de contar a biografía de Rosalía de Castro. A través dunha selección dos seus textos, a compañía Teatro do Atlántico pretende que coñezamos en detalle á nosa figura literaria máis importante, tratando de facernos comprender o porqué da obra de Rosalía, unha muller desafiante, loitadora, solidaria, angustiada, e por riba de todo, libre.

A representación esfollará as múltiples capas que constrúen tanto a figura da escritora e poetisa como a súa produción literaria, un fiel reflexo de si mesma. Nela veremos o seu amor pola literatura e a lingua, o respecto polas mulleres do seu pobo e a dor polas condicións de vida que soportan. Tamén a denuncia do espolio do patrimonio forestal, da emigración ou da pobreza.

A proposta, dirixida por Xulio Lago e protagonizada por María Barcala, chega no Mes de Rosalía 2022, encaixando nunha programación que inclúe á obra infantil “Rosalía”, a estrea dun mural dedicado á poetisa e a campaña “Rosalízate”, que levará dous “photocalls” da escritora á praza da Maía, en Bertamiráns, e á travesía do Porto, no Milladoiro.

“Libre coma os paxaros” é a cuarta representación de febreiro do itinerario de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022. O programa ao completo, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Coñecer a Rosalía a través dos seus textos con “Libre coma os paxaros”, este venres 18 en Bertamiráns

Multimedia

  • Coñecer a Rosalía a través dos seus textos con “Libre coma os paxaros”, este venres 18 en Bertamiráns
  • Coñecer a Rosalía a través dos seus textos con “Libre coma os paxaros”, este venres 18 en Bertamiráns