Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames celebra este venres 25 de febreiro o seu festival de Entroido

Venres, 18 de febreiro de 2022

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar o seu tradicional festival de Entroido, que terá lugar o próximo venres 25 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O concerto incluirá dous pases, ás 19:00 e ás 20:30 horas, nas que haberá distintas actuacións individuais e grupais. Os convites poden retirarse dende este hoxe na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A EMMA celebra o próximo venres o seu tradicional concerto de Entroido, no que participará unha boa parte do seu alumnado. As actuacións repartiranse en dúas sesións de entre 45 e 60 minutos, entre as que haberá participación de todas as disciplinas da escola. A gala contará ademais coas intervencións dos músicos Paco Nogueiras, Xabier Díaz, Uxía ou Iago Pico, produtor das Tanxugueiras, que vía vídeo darán azos a todos e a todas as estudantes.

O primeiro pase, que terá lugar ás 19:00 horas, comezará coa actuación de 49 alumnos e alumnas da EMMA, que interpretarán a canción “Carnaval”. Neste grupo atópase unha gran parte do alumnado de linguaxe musical, que seguirá a continuación cunha polirritmia de voz e percusión. O concerto proseguirá coa agrupación de violín “Jóvenes Águilas”, un dueto de frauta e dúas actuacións individuais de saxofón e piano.

A primeira sesión continuará cun grupo de catro alumnas de primeiro ano de canto, para despois dar paso ao grupo de seis alumnos de guitarra “Los dispersos”. A última actuación desta parte será a do combo xuvenil, formado por seis rapaces e rapazas de diferentes disciplinas.

Xa ás 20:30 horas arrincará a segunda quenda do concerto, cunha nova interpretación do tema “Carnaval”, que desta vez realizarán 14 alumnas e alumnos. A sesión continuará con  dous solos de percusión e de saxofón, para que despois actúen o combo adulto de voces e varias alumnas de canto.

O segundo acto proseguirá co grupo de violín “Pesadillas de Aga” e o de guitarra “Los dispersos”, para que despois volva a aparecer o combo xuvenil que xa pechara a primeira sesión. Para finalizar o festival, actuará o combo de maiores, que interpretarán tres cancións a xeito de despedida.

A Escola Municipal de Música de Ames celebra este venres 25 de febreiro o seu festival de Entroido

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames celebra este venres 25 de febreiro o seu festival de Entroido
  • Alumnado da EMMA, nunha imaxe de arquivo de maio de 2019