Pestanas principais

Daniel Paz e Lucía Peón, gañadores do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Luns, 21 de febreiro de 2022

Onte domingo 20 de febreiro celebrouse a terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que se inscribiron 343 persoas. A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina foi Lucía Peón, do club Azerbañan, cun tempo de 1:30:23, mentres que o primeiro posto masculino foi para Daniel Paz, do Club Deportivo Brión Hyupersa, que cunha marca de 1:09:01 revalidou a súa vitoria na primeira edición desta proba, celebrada en 2019. Pola súa banda, o club gañador foi o C.A. Cambados – Seguros Noval, que colocou seis corredores no top 20 e que tamén repite a vitoria de 2020. Consulta os resultados ao completo premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron onte domingo 20 a terceira edición do Trail Andaina Ribeiras do Tambre, que arrincou ás 10:00 horas en Ponte Maceira. Dende alí, os corredores do trail afrontaron un percorrido de 15,2 quilómetros ata as instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Cinco minutos despois comezou a proba para os inscritos e inscritas na andaina, que tivo unha ruta algo máis curta, duns 14,2 quilómetros.

O primeiro en parar o tempo foi Daniel Paz, do Club Deportivo Brión Hyupersa, que gañou a categoría absoluta masculina ao rematar a proba en 1:09:01, repetindo vitoria dúas edicións despois. Pola súa banda, a gañadora da categoría feminina absoluta foi Lucía Peón, do Azerbañan, que conseguiu unha marca de 1:30:23. Na categoría masculina, completaron o podio Borja Varela, cun tempo de 1:11:05, e Javier de Dios, cunha marca de 1:11:52. Mentres, na feminina, Elena Veres rematou segunda e Silvia Fajín terceira, chegando ambas nun tempo de 1:35:17, a case cinco minutos da gañadora.

En canto á clasificación por equipos, o C.A. Cambados – Seguros Noval revalidou o seu triunfo da última edición, con seis corredores no top 20 e cunha puntuación de 60, conseguida ao sumar os postos dos seus seis mellores clasificados. O Club Deportivo Brión Hyupersa foi segundo, con 88 puntos, mentres que xa máis afastado quedou en terceira posición o SD Compostela Atletismo, con 269.

A entrega de premios tivo lugar na parroquia de Piñeiro, nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, onde finalizou a proba. Alí acudiron representantes do Goberno local e de varios grupos da Corporación, como PP ou Ames Novo. Recibiron galardóns as tres primeiras clasificadas de cada categoría e os 3 primeiros clubs da clasificación do trail. Ademais, os cinco primeiros equipos recibiron tamén unha dotación económica de 150, 125, 100, 75 e 50 euros, de maior a menor posto no top 5. Todas as persoas participantes recibiron un agasallo técnico antes do comezo da proba, durante a recollida de dorsais.

A concelleira de Deportes Susana Señorís, que participou na andaina xunto a outros membros do Goberno, agradeceu a participación “de todos os deportistas e entidades que dun xeito ou outro colaboraron para que a proba fose un éxito”. “Ponte Maceira encheuse hoxe dun gran ambiente deportivo. Espero que moitos dos participantes que non coñecían esta parte do noso concello gozaran do percorrido”, engadiu Señorís.

Consulta os resultados ao completo premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Paz e Peón gañano III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre"

Daniel Paz e Lucía Peón, gañadores do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Daniel Paz e Lucía Peón, gañadores do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Participantes no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Daniel Paz e Lucía Peón, gañadores do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Participantes no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Participantes no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Participantes no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Daniel Paz e Lucía Peón, gañadores do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre