Pestanas principais

Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”

Venres, 25 de febreiro de 2022

Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación e o arranque da segunda etapa da volta ciclista “O Gran Camiño”, que se celebra do 24 ao 27 de febreiro ao longo das catro provincias galegas. A avenida da Maía foi o punto de partida do percorrido, que foi inaugurado por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Ames e da organización da proba. O pelotón, liderado polo maillot amarelo, Magnus Cort Nielsen, partiu pola rúa Alcalde Lorenzo en dirección Teo, para cruzar despois O Milladoiro, volver a Bertamiráns e coller dirección Muxía, pasando pola parroquia de Ames, Lens e Ponte Maceira. Preme aquí para consultar a galería de fotos da etapa Bertamiráns - O Ézaro.

A avenida da Maía amenceu hoxe co tráfico cortado e cun amplo despregue policial e loxístico. A vía principal de Bertamiráns foi escollida para acoller ás infraestruturas da organización e dos equipos ciclistas da volta “O Gran Camiño”, que celebra hoxe a segunda das súas catro etapas. Autobuses e coches de equipos, bicicletas, persoal técnico e medios de comunicación acompañaban ao gran arco de meta instalado no centro da vila.

As escuadras e deportistas do pelotón foron pasando polo podio instalado ao carón da meta, onde foron presentados e recibidos cos aplausos da veciñanza. Neste senso, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, dedicaron unhas palabras de agradecemento á organización e aos ciclistas, antes de recibir ao equipo Movistar, liderado por Alejandro Valverde, terceiro na primeira etapa celebrada o xoves.

Unha vez rematadas as presentacións, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Ames e da organización da proba xuntáronse para iniciar oficialmente o percorrido. Cortaron a cinta inaugural o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; Xosé Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte; o alcalde de Ames e deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e Ezequiel Mosquera, director da organización da volta “O Gran Camiño”, acompañados de varios membros do Goberno local e da Corporación municipal.

Sobre as 10:30 horas, o pelotón ciclista, liderado polo gañador da primeira etapa e maillot amarelo, Magnus Cort Nielsen, arrancou pola avenida da Maía e xirou cara á rúa Alcalde Lorenzo, onde daba comezo a saída neutralizada. Dende aí, o pelotón dirixiuse a Teo, subiu polo Milladoiro ata a zona sur de Santiago e volveu a Bertamiráns.

A etapa continuou polas parroquias de Ames e Lens, onde unha primeira fuga de sete corredores disputou o porto de terceira categoría situado na zona. Os puntos da montaña repartíronse entre Jon Barrenetxea, do Caja Rural-Seguros RGA, con 3 puntos; Antonio Angulo, do Euskaltel-Euskadi, con 2, e Joni Brandão, do W52/FC Porto, que levou 1 punto. Tras pasar por Ponte Maceira, a etapa continuou dirección Costa da Morte, co final no mirador do Ézaro previsto entre as 14:40 e as 15:20 horas.

O alcalde de Ames, Blas García, cualificou a xornada como un “día de satisfacción”. “Cun evento coma este poñemos ao concello de Ames, a Bertamiráns e a toda a contorna nos ollos do mundo. Que milleiros de espectadores doutros países poidan seguir esta etapa é moi importante para nós”, sinalou García.

No mesmo ton, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou a importancia e a repercusión da proba para mostrar o concello. “Que unha volta ciclista coma esta, que Galicia non acollía dende hai máis de dúas décadas, teña saída no noso concello, servirá para dar a coñecer Ames a todas as persoas que sigan a proba a través da televisión ou da rede. Estamos moi agradecidos á organización por poder acoller O Gran Camiño en Ames”.

Preme aquí para consultar a galería de fotos da etapa Bertamiráns - O Ézaro

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Bertamiráns foi unha festa na saída de ‘O Gran Camiño’"

Enfoques: "Ames inaugura la etapa Bertamiráns – O Ézaro de la vuelta ciclista “O Gran Camiño”"

Compostela 24 Horas: "Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”"

Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”

Multimedia

  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”
  • Ames inaugura a etapa Bertamiráns – O Ézaro da volta ciclista “O Gran Camiño”