- Tematica
O Concello de Ames participa un ano máis no curso para a obtención do informe de esforzo de integración da Xunta de Galicia, un documento valorado positivamente á hora de renovar unha autorización de residencia temporal. A formación é de balde e realízase en liña do 14 ao 20 de marzo, sumando as 20 horas solicitadas pola comunidade autónoma para obter o informe. No programa, desenvolvido por Médicos do Mundo Galicia e financiado pola Consellería de Política Social, participan sete persoas veciñas de Ames.
O informe de esforzo de integración é un documento emitido polas comunidades autónomas, que poden solicitar as persoas que desexen renovar a súa autorización de residencia temporal en España e que leven dous anos empadroadas en algún concello. Este informe pode empregarse no caso de non cumprir algún requisito para esta renovación, xa que é valorado de xeito positivo pola oficina de estranxeiría.
Para a emisión deste documento requírense 40 horas de formación, das que 20 deben conter certos módulos obrigatorios, impartidos neste curso. Os temas son o coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, a autonomía de Galicia, os dereitos humanos, a tolerancia ou a igualdade de xénero, entre outros. Unha vez completadas as 20 horas, as persoas solicitantes deben acreditar outras tantas a través de diferentes cursos que teñan realizado.
As persoas destinatarias desta proposta formativa son aquelas en período de renovación dos seus permisos de residencia; as que están en situación de irregularidade administrativa e van solicitar a regularización, e as persoas que teñen denegada ou se lles vai denegar a solicitude de protección internacional. Ademais, o curso tamén é útil para o arraigo social, para preparar exames de obtención de nacionalidade e para comprender mellor o sistema xurídico galego e español.
Nesta edición do curso participan unhas sete persoas veciñas de Ames. En anteriores anos, a proposta formativa requiría un número mínimo de participantes por concello, mais retirouse este límite para fomentar a participación.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Sete novos amesáns prepáranse para obter o informe de integración da Xunta"