Pestanas principais

A EMMA prepara para os sábados de abril e maio catro obradoiros para mergullarse na música

Martes, 22 de marzo de 2022

A Escola Municipal de Música de Ames organiza en abril e maio catro obradoiros musicais de carácter introdutivo, destinados a persoas de máis de 8 anos e cunha oferta variada e diversa de xéneros e disciplinas. Os talleres, pensados para grupos de ata quince participantes, inclúen propostas de beatbox, canto, música afrocubana e música tradicional. Cun custe de 10 euros, desenvolveranse os sábados, nunha única sesión de 11:00 a 13:00 horas. Para participar, cómpre enviar esta ficha de inscrición a escolademusica@concellodeames.gal, dende hoxe martes 22 ata o xoves 31 de marzo.

A EMMA vai realizar unha serie de obradoiros de música dunha xornada, co fin de que a veciñanza amesá poida coñecer ou afondar nun xénero ou nunha práctica musical da man de persoal docente profesional e experto. Con estes talleres, que se desenvolverán en catro sábados de abril e maio, preténdese fomentar condutas activas e contribuír á motivación cara á música e ao lecer.

Esta mañá as instalacións da Escola Municipal de Música de Ames, situadas en Aldea Nova, acolleron a presentación desta nova oferta formativa para os vindeiros meses. Ao acto acudiron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a directora da EMMA, Pilar Martínez. Ambas destacaron que este é un dos primeiros pasos para achegar máis a EMMA ás persoas que aínda non a coñezan. “Estamos moi ledas de abrir a escola a toda veciñanza con estes obradoiros. Tanto Pilar coma eu tiñamos moitos plans para a EMMA que co coronavirus non puidemos realizar, e queremos comezar a retomalos”, sinalou a concelleira.

Cada unha das catro propostas incluirá dúas horas de formación de carácter introdutivo, con grupos dun mínimo de cinco e un máximo de quince persoas, aos que se pode sumar calquera persoa a partir dos 8 anos. Entre as temáticas, atópanse xéneros e culturas musicais como a tradicional galega ou a afrocubana, ou ben técnicas como o canto ou o beatbox. “O máis importante é divertirse e levar unhas pequenas nocións, aínda que pensemos que non servimos para cantar ou para tocar”, recalcou a directora da EMMA, Pilar Martínez, que ademais impartirá o curso de canto moderno.

Programación para abril e maio

Non obstante, o primeiro obradoiro deste ciclo será o de beatbox, que se desenvolverá o sábado 9 de abril. “Beatbox, máis alá da túa voz” será a proposta dirixida polo cantante e beatboxer Narci Rodríguez, na que as persoas asistentes coñecerán técnicas básicas e primeiras rutinas para probarse nesta disciplina. Asemade, presentarase a historia e a orixe do beatbox, e mostraranse diferentes tendencias, estilos e modalidades.

O segundo curso do mes terá lugar o sábado 23 abril, nesta ocasión afondando na música tradicional galega e na percusión miúda. Ramón Dopico presentará cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tal. O obradoiro, de nivel inicial, percorrerá os diferentes timbres, cores, patróns rítmicos e xeitos de tocar as tarrañolas, as culleres, as cunchas, a tarabela ou o triángulo.

Xa na primeira quincena de maio, o sábado 7, celebrarase o taller de canto moderno, impartido pola cantante profesional, vocal coach e directora da EMMA, Pilar Martínez. As dúas horas de curso dividiranse en dúas partes. Na primeira, dedicada á técnica vocal, traballarase a relaxación, os coidados e a respiración, así como conceptos como a vocalización, a afinación ou as colocacións da larinxe e dos resonadores. Xa na segunda parte, incidirase na creación musical, mostrando como ensaiar, cantar e gravar unha canción. Cada persoa participante deberá levar unha botella de auga propia.

Por último, o sábado 21 de maio será a quenda da música afrocubana, cunha introdución aos ritmos desta cultura da man de Amaury Quintero, coach, percusionista profesional e tamén docente na EMMA. O curso presentará os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá, co fin de que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana. Á vez, poderán iniciarse na práctica destes ritmos, nun obradoiro de iniciación que repartirá as súas horas entre parte teórica e práctica.

Inscricións e prezos

As persoas interesadas en participar nestes cursos poden realizar a súa inscrición dende hoxe martes 22 ata o próximo xoves 31 de marzo, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe da praza por curso é de 10 euros, que só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme a praza a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de 8 anos, cun mínimo de cinco e un máximo de quince integrantes.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Formación con base afrocubana e galega na escola amesá de música"

A EMMA prepara para os sábados de abril e maio catro obradoiros para mergullarse na música

Multimedia

  • Cartaz dos obradoiros musicais da EMMA
  • A EMMA prepara para os sábados de abril e maio catro obradoiros para mergullarse na música