- Tematica
O Concello de Ames responde á petición da ONG World Wildlife Fund (WWF), que cada ano solicita ás cidades e vilas de todo o mundo que apaguen as luces dos seus edificios máis emblemáticos durante unha hora. Deste xeito, Ames apagará o alumeado do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e da Capela da Madalena, no Milladoiro, durante “A Hora do Planeta”, que se celebrará entre as 20:30 e as 21:30 horas deste sábado 26 de marzo.
O Concello de Ames colabora un ano máis na iniciativa da “Hora do Planeta”, que nesta edición de 2022 busca mobilizar á cidadanía en favor da natureza, ata sumar de xeito virtual uns 40.000 quilómetros, que conforman o perímetro da Terra. Xa sexa andando, correndo, nadando, en patíns ou en bicicleta, as persoas que así o queiran poden engadir os seus quilómetros na páxina horadelplaneta.wwf.es, na que xa se sumaron máis de cinco voltas ao noso planeta.
Ademais, o Concello responde á petición de WWF e apagará as luces do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e da Capela da Madalena, no Milladoiro, este sábado 26 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas. Ademais, convídase á veciñanza e ás empresas e establecementos amesáns a sumarse a esta iniciativa, que busca axudar a construír un futuro positivo en natureza e neutro en carbono, no que reduzan emisións e no que os espazos verdes gañen espazo en vilas e cidades.
Neste senso, o Concello está a manter un compromiso co aforro enerxético nos últimos meses, coa renovación do alumeado no rural con fondos IDAE, así como nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, para os cales o Concello recibe financiamento dos fondos FEDER, a través da EDUSI Impulsa Ames, e do plan provincial POS, respectivamente. Estas medidas supoñen reducir as emisións de gases invernadoiro en máis dun 50%, así como actuar contra a contaminación luminosa.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina e a Capela da Madalena, sen luz pola Hora do Planeta"