Pestanas principais

Presentada a primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”

Venres, 25 de marzo de 2022

O Concello de Ames organizará o próximo sábado 23 de abril a súa primeira xornada dedicada á saúde mental e ao benestar das crianzas e da mocidade. “Coidados á mente” acollerá tres conferencias, unha mesa redonda e dous talleres simultáneos, que se poderán seguir de xeito presencial na Casa da Cultura de Bertamiráns ou ben a través de streaming. A xornada está dirixida a profesionais de todos os sectores que traballan coa xente moza, ou ben a familias interesadas no benestar psicolóxico. Para inscribirse, de balde, cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico amesjornadasaludmental@gmail.com, indicando datos persoais e se se asistirá presencialmente ou a distancia. Preme aquí para consultar a programación ao completo.

A organización dunha xornada sobre a saúde mental infanto-xuvenil era un dos obxectivos da Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde de cara ao ano 2022, despois de ter celebrado o ano pasado a primeira edición da Feira da Saúde e de comezar un programa de regulación emocional para os 350 alumnos e alumnas amesás que cursan 4º da ESO e Bacharelato nos centros escolares do concello.

A xornada está dirixida a todo tipo de profesionais que traballen coa mocidade, dende persoal sanitario, docente, de servizos sociais, equipos de prevención ou traballadores do terceiro sector. Tamén pode resultar de interese para familias con fillos ou fillas, ou mesmo para calquera persoa interesada polo benestar psicolóxico.

Esta mañá o evento foi presentado na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa asistencia da concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo; a técnica do departamento de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, e os psícologos Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, de Coidadosamente, a empresa encargada da dirección da xornada.

“Xa levamos anos traballando na promoción da saúde e dos estilos de vida saudables, pero quixemos dar un paso máis. Visto todo o que pasou durante a pandemia e todas as necesidades que fomos atopando, intentamos traballar máis na saúde emocional, e sobre todo no benestar infanto-xuvenil”, sinalou a concelleira, Luísa Feijóo. “Un estudo recente di que por cada euro dedicado á promoción da saúde chegan seis euros de retorno. Dende o Concello facemos unha aposta clara neste senso, que vemos como un investimento e non como un gasto”, recalcou.

Ata seis coloquios e obradoiros sobre o benestar mental

A I Xornada sobre a saúde mental infanto-xuvenil incluirá tres conferencias, unha mesa redonda e dous talleres, que tratarán temáticas diversas como as relacións interpersoais, o xogo e o xogar ou as adiccións. As tres charlas desenvolveranse pola mañá e estarán enfocadas á saúde infantil, mentres que a partir do mediodía e na tarde, os talleres e a mesa redonda terán como protagonistas o benestar dos adolescentes.

Unha vez realizada a inauguración institucional do evento, ás 9:30 horas, darán comezo as conferencias, que durarán unha hora e que contarán con diversas profesionais da psicoloxía e da psiquiatría. A primeira, titulada “A importancia do vínculo na saúde mental”, terá lugar de 10:00 a 11:00 horas, e contará co relato de Ana González Uriarte, psiquiatra, terapeuta familiar e experta na saúde mental perinatal e da primeira idade. A charla estará presentada pola psicóloga Belén Montesa.

A continuación celebrarase “O xogo e o xogar no contexto das relacións temperás”, unha conferencia repartida en dúas partes que impartirá Norka Malberg, psicóloga, psicoanalista e profesora na Facultade de Medicina da Universidade de Yale (EUA), ademais de especialista no xogo e na regulación emocional das crianzas. A primeira metade terá lugar de 11:00 a 12:00 horas e será introducida polo psicólogo Juan Carlos Permuy. Despois dun descanso de media hora, arrincará a segunda parte, de 12:30 a 13:30 horas.

A partir das 13:30 horas empezará a parte dedicada á saúde mental das persoas mozas, coa mesa redonda “Benestar na adolescencia. Máis alá da saúde dos adolescentes, máis alá da ausencia de enfermidade”. Moderada pola psiquiatra e xefa do Servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade, María Tajes Alonso, participan Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo e presidente da Asociación para a Saúde Mental na Infancia e na Adolescencia (ASEIA), e Xandre García Caballero, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Ourense.

Despois dun período de descanso para o xantar, ás 16:30 iniciaranse dous talleres simultáneos de dúas horas, que volverán a poñer o seu foco na mocidade e nos procesos de cambio e de novos comportamentos aos que se enfrontan. A primeira proposta, “Adolescentes, tecnoloxía, convivencia e adiccións: Que tal se apostamos pola prevención?” estará encabezada polo psicólogo e profesor na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial Boubeta.

Por outra banda, a segunda opción, “Adolescencias contemporáneas: encrucilladas e desafíos”, contará coa psiquiatra e psicoanalista Elisabeth Palacios, representante do Cómite Internacional de Familia e Parella da IPA (Asociación Psicoanalítica Internacional).

Información sobre as inscricións

As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico amesjornadasaludmental@gmail.com, e indicando nome e apelidos, formación, lugar de residencia, asistencia presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames organiza unas jornadas de salud mental infantil y juvenil para evitar situaciones de riesgo"

El Correo Gallego: "Autoridades mundiales para la jornada sobre salud mental de jóvenes y niños"

Enfoques: "Ames acogerá el 23 de abril su primera jornada dedicada a salus mental ‘Coidados á mente’"

Presentada a primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”

Multimedia

  • Cartel da I Xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil
  • Presentada a primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”