Pestanas principais

Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario

Luns, 25 de abril de 2022

Os departamentos de Bibliotecas e de Normalización Lingüística de Ames celebraron este sábado 23 de abril o Día Internacional do Libro, cunha serie de propostas ao longo de toda a xornada. Neste senso, o Pazo da Peregrina acolleu pola mañá a presentación do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario de Ames, ao que acudiron varias das persoas gañadoras da edición de 2021 do premio. Ademais, as bibliotecas amesás organizaron varias actividades para todos os públicos ao longo do día, que incluíron obradoiros e sesións de contacontos, polas que pasaron arredor dun cento de persoas. Preme aquí para consultar a galería de fotos da presentación do libro do XVIII Certame Literario.

A presentación da compilación dos textos finalistas do Certame Literario de Ames de 2021 abriu a xornada de actividades programada polo Concello de Ames polo Día Internacional do Libro. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu un acto no que o Servizo de Normalización Lingüística presentou o libro cos textos, e no que se leron as creacións literarias que foron galardoadas na décimo oitava edición do concurso. Ao evento acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín e a concelleira de Cultura, Natividade González. En representación do xurado asistiu a escritora María López Sández.

“Hoxe polo Día do Libro para nós é todo un orgullo presentar un libro moi especial”, sinalou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, que gabou o traballo realizado polo xurado e polo persoal do SNL unha edición máis. “Eu sempre falo do mérito que teñen para min as persoas que se enfrontan a unha folla en branco para a creación dunha obra literaria. Ademais, as persoas que participades neste certame escribides en lingua galega, o que significa para min un posicionamento claro con respecto á lingua, o que é motivo de recoñecemento de todas e todos aquelas que amamos a nosa lingua”.

O libro presentado inclúe todos os textos finalistas no XVIII Certame Literario de Ames, que se desenvolveu no ano 2021. Na edición do ano pasado do concurso participaran uns 155 traballos, que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13). Neste senso, as persoas finalistas reciben como obsequio un dos exemplares, que habitualmente se entregan antes de anunciar os traballos finalistas da seguinte edición.

Como voceira do xurado, a escritora María López Sández destacou “a aposta pola cultura e pola lingua galega” realizada polo Concello de Ames nos últimos anos. “Os lugares con máis persoas tamén teñen personalidade. O premio chegou á maioría de idade e Ames é un lugar cambiante, un lugar que en poucos anos mudou enormemente. Creo que un dos aspectos máis salientables e que nos fan amar máis este premio ten que ver coa súa transversalidade xeracional. Aquí está Antonio Piñeiro, un escritor plenamente consagrado que representa a consolidación do premio, que fai que voces narrativas importantes da literatura galega estean aquí connosco. Este é un proxecto de concello que temos que abrazar, e que agora que chegou á maioría de idade temos que soster para o futuro”.

Un cento de persoas pasaron polas sesións de narrativa oral no Pazo da Peregrina

O acto foi a primeira das actividades que se desenvolveron ao longo do sábado no Pazo da Peregrina, que acolleu tres sesións de narrativa oral pola tarde cunha gran recepción da veciñanza. Arredor dun cento de persoas foron pasando polas diferentes propostas da tarde, con especial éxito das actividades para crianzas. “Contos nas orellas” de Bea Campos e “Menú de contos” de Charo Pita foron os contacontos programados para o público infantil. A xornada rematou coa proposta para o público adulto “Baixo a lúa”, que contou cun servizo de conciliación no que as crianzas puideron gozar de varios obradoiros de manualidades.

Antes, pola mañá, as bibliotecas tamén desenvolveron o obradoiro “escape room literario”, que se celebrou na biblioteca de Bertamiráns despois de que o venres se levara a cabo na propia do Milladoiro. As prazas para esta actividade, a que asistiron uns 20 nenos e nenas en cada biblioteca, esgotáronse en ambos centros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Obras ganadoras, cuentacuentos y escape room para celebrar el Día do Libro"

Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario

Multimedia

  • Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario
  • Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario
  • Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario
  • Ames celebrou o Día do Libro con varias actividades e a entrega do libro cos textos finalistas do XVIII Certame Literario