- Tematica
O actor Luís Zahera presenta este venres 13 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns o seu espectáculo “Chungo”, un monólogo no que repasa a súa traxectoria profesional en chave humorística, explicando como foi crecendo a súa imaxe de “malo” de película. As entradas para o evento, que terá lugar ás 21:00 horas, xa están esgotadas.
A traxectoria do actor compostelán Luís Zahera é ampla e está marcada por unha serie de papeis e personaxes que lle poderían abrir un oco en calquera produción galega ou española que precise dun antagonista, dun “malo”, dun “chungo”. Os exemplos podemos atopalos na televisión, con Pertur de “Sin tetas no hay paraíso”, ou como Ferro en “Vivir sin permiso”, e tamén no cine, en “Celda 211” ou en “El Reino” de Rodrigo Sorogoyen, onde a súa interpretación dun político corrupto ao carón de Antonio de la Torre valeulle un Premio Goya ao mellor actor de reparto no 2019.
Mais nesta ocasión, Zahera presentará á veciñanza amesá a súa faceta de humorista, co seu monólogo “Chungo”. Nel contará ao público como se foi consolidando o seu rol artístico como “malo” de película, ademais de como o marcaron algúns dos papeis máis importantes da súa carreira, como o de Petróleo na serie galega “Mareas vivas”.