Pestanas principais

Vinte concertos e preto de 40 mil euros para recuperar as festas locais de Ames, coa campaña “Música nas parroquias”

Venres, 13 de maio de 2022

A Concellaría de Cultura vén de presentar o programa “Música nas parroquias”, nun esforzo por recuperar as festas das parroquias de Ames tras uns anos de paro obrigado. Con este obxectivo, crease un cartel que inclúe a todos os grupos musicais e agrupacións tradicionais que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán, como Luar na Lubre, Devacas ou Os d’Abaixo. Esta campaña complementa ás axudas para actuacións e pasarrúas, ás que o Concello de Ames xa dedicou neste ano uns 38.402,44 euros. Desta cantidade, un 26,7% foi destinado a agrupacións locais. Preme aquí para consultar o cartel de “Música nas parroquias”.

A carballeira de Ortoño acolleu esta mañá a presentación da campaña “Música nas parroquias”, un programa vivo que inclúe todas as actuacións musicais nas que colaborou ata o momento a Concellaría de Cultura, dende o pasado mes de marzo ata outubro. Ao acto asistiron a concelleira de Cultura, Natividade González; a técnica de Cultura, María Vázquez, máis representantes das asociacións e das comisións de festas das parroquias da Ameixenda, de Bugallido e de Ortoño.

“Que as nosas festas poidan ser de novo eses lugares de encontro dos que sempre desfrutamos”, destacou a concelleira de Cultura, Natividade González, que marcou a recuperación das festas patronais como un dos principais obxectivos deste programa e das liñas de axudas ao tecido asociativo do Concello de Ames. Neste senso, ao longo de 2022 o Concello dedicou xa uns 38.402,44 euros a subvencionar actuacións e pasarrúas nas parroquias amesás, unha cantidade que irá aumentando a medida que se constitúan as comisións de festas e se confirmen eventos. Desta suma, polo momento 10.241,25 euros foron dedicados a contratar agrupacións locais de música e baile tradicional, un 26,7% do total.

“Música, patrimonio cultural e asociacionismo son as tres palabras chave que resumen este programa vivo, creo que todas e todos tiñamos moita gana de que volveran as nosas festas tradicionais aquí no concello. En Ames gústanos presumir da cantidade de grupos de música e baile tradicional que temos, nós estamos ben acostumados pero non é algo habitual nos concellos da nosa contorna”, destacou a concelleira de Cultura, Natividade González, que puxo en valor o tecido cultural amesán e o traballo realizado ano tras ano polas asociacións e comisións de festas.

Na mesma liña se pronunciou o alcalde de Ames, Blas García, que gabou a implicación e o esforzo das persoas que organizan este tipo de eventos. “O Concello sempre ten que estar ao lado das veciñas e veciños, e estas festas son moi importantes para unha boa parte deles, ademais cómpre que haxa persoas que dean o paso e se animen a organizar este tipo de actividades. É importante que neste ano, no que parece que se volve a reactivar todo, que o concello estea apoiando e animando as actividades que se fan”.

Ata o momento, o programa “Música nas parroquias” inclúe vinte concertos, espallados dende o mes de marzo ata outubro, nas diferentes festas locais que se celebran ao longo do ano no concello de Ames. “Tratamos de programar para a xente e do que quere a xente, non facer propostas que poidan quedar bonitas pero que non sexan interesantes para a veciñanza”, sinalou a técnica de Cultura, María Vázquez, que salientou a “consonancia entre grupos locais, afeccionados e profesionais” do cartel.

Todos os concertos e actuacións de “Música nas parroquias”

A programación de “Música nas parroquias” engloba todas as colaboracións da Concellaría da Cultura, dende marzo ata o mes de outubro, xa confirmadas coas asociacións culturais e comisións de festas de Ames. Deste xeito, xa pasaron polo concello en marzo Retranqueiros, na Festa de San José do Milladoiro, o sábado 19. En abril, a agrupación Airiños do Paseo de Colón o domingo 24 na Festa das mulleres e as nenas das tres aldeas, e o 30 de abril actuaron na Santa Lucía de Bugallido Os d’Abaixo, en colaboración coa Deputación da Coruña, que aportou o 40% dos fondos desta contratación. Nas festas de Bugallido actuou tamén o 1 de maio a Coral Antonio Santomil.

As actuacións xa confirmadas para próximas datas no cartel son dezaseis, empezando en maio coa agrupación Os Castros, nas Festas do Maio de Biduído, o domingo 29. En xuño, As Maianas pasarán pola II Festa da Artesanía de San Xoán o mércores 22, mentres que as Festas de San Xoán de Ortoño contarán coas corais Lojo Batalla e Antonio Santomil, o venres 24 e o domingo 26. En xullo, a Coral Antonio Santomil actuará de novo na Festa de San Pedro de Bugallido, o domingo 3, mentres que o domingo 10 o grupo Luar na Lubre estará na décimo sexta edición da Festa do chourizo ó viño de Ortoño.

O mes de agosto será o de maior intensidade de festas e actuacións. O sábado 6, as Festas patronais de Tapia acollen á agrupación As Maianas, e as Festas do Rosario da Madalena de Milladoiro contarán coa Banda de Música de Brión e Os Castros, o domingo 7 e o luns 8. O xoves 11, a Coral Lojo Batalla estará nas Festas de Agrón, mentres que na Festa da Peregrina do domingo 14 actuará a Banda de Música Ateneo de Negreira. Xa na segunda quincena, o luns 15 Airiños do Paseo de Colón pasará pola Festa da Nosa Señora de Biduído, para que acaben pechando o mes as Festas da Ameixenda, con Retranqueiros e o grupo Devacas, o sábado 27 e o domingo 28.

Para pechar o ano de festividades parroquiais, o domingo 11 de setembro a Requinta da Maía estará na Festa dos Muíños das Tres Aldeas, na parroquia de Ames, e xa en outubro, a agrupación Os Castros actuará en Agrón, o domingo 9, nas Festas da Virxe do Rosario.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os Castros, Luar na Lubre o As Maianas recuperarán las fiestas en las parroquias"

Enfoques: "‘Música nas parroquias’ lleva más de 40 conciertos a Ames"

Vinte concertos e preto de 40 mil euros para recuperar as festas locais de Ames, coa campaña “Música nas parroquias”

Multimedia

  • Vinte concertos e preto de 40 mil euros para recuperar as festas locais de Ames, coa campaña “Música nas parroquias”
  • Vinte concertos e preto de 40 mil euros para recuperar as festas locais de Ames, coa campaña “Música nas parroquias”