Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción

Venres, 10 de xuño de 2022

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu hoxe pola mañá a inauguración da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción. Trátase dunha mostra enmarcada no proxecto Nortear, que realiza unha singradura a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico pódese percorrer a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal. A mostra poderase visitar ata o 30 de xuño na entrada da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Esta mañá realizouse o acto de inauguración da mostra na Casa da Cultura de Bertamiráns, ao que asistiron, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo; a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; e o comisario da mostra, Xaquín Núñez. Ademais, participaron no acto de inauguración David Santomil, concelleiro de Educación e Axenda Urbana; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Manuel Lens, concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente; José Luis Maestro Castiñeiras, xefe do Servizo do Libro, Publicacións e do Depósito Legal; e Santiago Eirís, técnico da Biblioteca de Ames.

A concelleira de Cultura, Natividade González, dixo “sen dúbida Noroeste cuarta Oeste é unha oportunidade única para o intercambio transfronterizo entre Galiza e mailo norte de Portugal, para seguir reforzando os nosos vínculos co pais veciño que é tan querido para nós. Quero convidar aos veciños e veciñas de Ames a que acudan a ver esta exposición, onde se poderán atopar catro exixes: Os mapas de noir; Misterios e monstros; O síndrome de Ulises; e Camiños, Compostela. Ademais, na nosa biblioteca poderán atopar unha mostra dalgunhas das obras que se recollen nesta mostra que están dispoñibles para o préstamo”.

Na súa intervención Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, quixo dar a coñecer as distintas actividades que compoñen esta mostra e tamén o seu obxectivo. “Nortear nace co obxecto de dar coñecemento mutuo á cultura galega e á portuguesa, culturas tan próximas e ás veces tan descoñecidas. E facémolo a través dunha serie de actividades como son as conversas entre escritores e escritoras; os roteiros literarios de autores como Rosalía, Cunqueiro ou Curros Enríquez; tamén a través dun premio literario de relato curto para escritores e escritoras de menos de entre 16 e 36 anos e a través do intercambio de fondos literarios e exposicións”. E engadiu “Noroeste Cuarta Oeste é unha exposición que elaboramos en Galicia e que rotou por todas as bibliotecas interterritoriais, despois viaxou polas tres bibliotecas do norte e que hoxe comeza o seu percorrido polas  bibliotecas de titularidade municipal en Ames”.

A continuación escoitamos a Xaquín Nuñez Sabarís, comisario da mostra, que quixo agradecerlle ao Concello de Ames a recepción desta exposición “desfrutei moito pensando e deseñando esta exposición, pero ademais ten unha certa cartografía sentimental, pois xa se expuxo en Santiago e en Braga, cidades que teñen moita importancia na vida miña vida, e agora recala Ames, eu crieime en Urdilde e ter a  exposición tan preto de onde me eu criei tamén me satisfai enormemente”.

Xaquín Nuñez quixo destacar, ademais, o dobre obxectivo que agocha esta exposición e que xermola dese libro “Cartografías da narrativa galega contemporánea” premio  Ramón Piñeiro 2019. “Esta exposición ten un dobre obxectivo: por un lado unha finalidade informativa que nos permita ver todo o que se está facendo a nivel literario, cinematográfico, series de televisión ou cómic na nosa comunidade e por outro lado converterse nunha experiencia estética e visual que acompañe a esa panorámica informativa do sector cultural galego”.

Proxecto de intercambio cultural
O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo, agradeceu a hospitalidade do Concello de Ames “pola boa collida desta exposición porque para que haxa unha exposición itinerante ten que haber lugares que fagan que dita itinerancia sexa posible. Queremos agradecer as facilidades que neste caso deu o Concello de Ames. Trátase dunha mostra que encaixa perfectamente en Nortear porque é un proxecto de intercambio cultural no que se leva traballando dende hai sete anos, pero un intercambio cultural centrado na difusión de proxectos expositivos vinculados co ámbito cultural e literario. Ademais, esta é a exposición de Nortear máis itinerada que tivemos a ocasión de compartir con moitas localidades e agardamos poder seguir compartindo con outras bibliotecas da Rede de Bibliotecas públicas de Galicia”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames Blas Garcia, que destacou “Ames é un concello moi activo culturalmente falando. Seguramente estar ao lado de Santiago de Compostela nos beneficia nalgúns aspectos, pero tamén nos afecta algunhas veces porque non podemos poñer en valor todo o sector cultural que temos”. Ademais destacou “numerosas persoas relacionadas co mundo da cultura residen en Ames, polo que andando pola rúa ou tomando un café pódeste atopar con algunhas desta persoas”. Tamén destacou que “o Concello de Ames organiza anualmente un certame literario que está a piques de cumprir o seu vixésimo aniversario e que moitas das persoas que foron premiadas neste certame teñen obras publicadas que se poden atopar nas bibliotecas galegas”.

Por último, o rexedor municipal incidiu na necesidade de dispor dun novo local en Bertamiráns para habilitar nel unha nova biblioteca. “Cando avancemos na elaboración do proxecto solicitaremos a axuda da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia para tratar de buscar financiamento”.

Características da exposición
Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción é unha singradura a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico pódese percorrer a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal. Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos que compoñen esta exposición e que se van recollendo a modo de crebas ao longo deste itinerario, deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo, que evidencia que a globalización dixitalizada do século XXI continúa a necesitar de historias de noso, con novas expresións, medios e soportes.

A literatura, os filmes, o teatro, a banda deseñada, os tráiler e book-tráiler ou os making of configuran este renovado mosaico de ficción. Xéneros, argumentos, personaxes, escenarios, que compoñen este mapa conceptual, que deixa entrever as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño.

A mostra está dividida en catro partes formada por catro tótems colocados arredor dun gran mapa. Este tótems son Territorio de néboa: Misterios e monstros; O síndrome de Ulises; Camiños, Compostela; e Os mapas de noir. Este proxecto comenzou co libro Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís, que gañou o primeiro premio de ensaio Ramón Piñeiro 2019. A partir desta obra creouse dita exposición. Xaquín Núñez Sabarís é nativo de Meis e criouse en Urdilde, onde seus pais foron mestres.

Esta exposición organizase ao abeiro dun proxecto europeo POCTEP, denominado Nortear, que ten como fin abrir canles de coñecemento e difusión da cultura entre Galicia e a rexión Norte de Portugal. Os participantes neste proxecto son, ademais da Secretaría Xeral de Cultura de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteriza, Galicia- Norte de Portugal (AECT-GNP), que é quen o lidera.

Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción

Multimedia

  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción
  • Imaxe da presentación da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción