- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras para construír unha senda peonil entre os lugares de Lapido e Maguxe, na parroquia de Ortoño. O proxecto, que está incluído dentro do Plan Ames Progresa, foi adxudicado á empresa Mantido SL por un importe de 201.060,18 euros, IVE incluído. A través deste proxecto mellorarase a comunicación entre núcleos, así como a drenaxe e o mantemento do camiño. O proxecto recolle a execución de dous treitos de senda de formigón a ambas marxes do tramo, de 950 e 230 metros de lonxitude.
O Concello de Ames continúa realizando melloras na rede viaria do medio rural, neste caso cunha senda para peóns ao longo de preto dun quilómetro de tramo entre os lugares de Lapido e Maguxe, na parroquia de Ortoño. A Xunta de Goberno Local aprobou adxudicar este proxecto á empresa Mantido SL por un importe de 201.060,18 euros, IVE incluído. Esta obra está incluída no Plan Ames Progresa 2021-2023.
As actuacións a realizar consistirán na creación de dous treitos de senda peonil de formigón a ambas marxes dun tramo viario de 950 metros, de 950 e 230 metros de lonxitude e dunha anchura media de 1,8 metros. O novo camiño construirase sobre 20 centímetros de saburra, previa apertura da sobreanchura necesaria para a súa aplicación.
Baixo esta capa canalizarase unha tubaxe de PVC de Ø400, cun total de 47 sumidoiros que favorecerán a drenaxe e a recollida de pluviais. Asemade, a construción da senda irá acompañada de tres treitos de muro de pedra granítica, que axudarán a limitar o derrame de terra nos puntos onde as novas vías estean máis elevadas que os terreos lindeiros. Sobre os bordes destes pasos de maior altura disporanse uns 95 metros de varandas metálicas, que terán unha altura duns 124 centímetros.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou os esforzos que se están a realizar dende o Concello por mellorar a seguridade peonil da veciñanza do rural. “Seguimos traballando pola seguridade viaria das nosas veciñas e veciños, especialmente preto de núcleos e zonas polas que sabemos que camiñan habitualmente. Ademais, estas sendas son tamén oportunidades para mellorar as drenaxes e manter en bo estado os nosos camiños”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Una senda unirá los núcleos amienses de Lapido y Maguxe"
El Correo Gallego: "Adxudican unha senda peonil de Lapido a Maguxe"
AMSGO!: "Adxudicada a senda peonil de Lapido a Maguxe, en Ortoño"
Enfoques: "Adjudicadas las obras para construir una senda peatonal entre Lapido y Maguxe, en Ortoño"