- Tematica
Este xoves, 30 de xuño, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente a este mes de xuño. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a regulación do horario de apertura e peche de terrazas no Concello de Ames e que é o resultado da reunión mantida polo Goberno Municipal coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e coa Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”. O pleno debaterá, tamén, a aprobación inicial de dous regulamentos: o das instalacións deportivas municipais e escolas deportivas municipais e o de uso e funcionamento das instalacións culturais. Abordarase, ademais, a aprobación inicial da Ordenanza num.1 reguladora do prezo público pola utilización do cento deportivo municipal A Telleira e a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento da Telleira. Por último, debaterá a aprobación dun suplemento de crédito por valor de 374.061,50 euros para a construcción do Centro Multifuncional de Lecer, Cultura e Promoción Económica dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación Municial dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. No apartado de delibación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do mes de maio. A continuación ratificaranse sete decretos de alcaldía de subsanación de deficiencias na redacción do proxecto de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, de reparación da cuberta do pavillón municipal de Bertamiráns e de rexeneración de espazos deportivos do campo de fútbol de Ortoño. Son tres proxectos incluídos no POS + 2022, aprobados no pleno extraordinario celebrado o 10 de febreiro de 2022 e nos que Deputación da Coruña detectou varias deficiencias. Trátase de cuestións menores que non afectan ao deseño da obra, nin as súas funcionalidades nin ao importe polo que se procedeu a subasanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicas da Deputación Provincial e que agora volven ao Pleno para seren ratificados polo Pleno da Corporación.
Autorización de compatibilidade
Por outra banda, debaterase a aprobación dunha autorización de compatibilidade para catro traballadores do Concello de Ames que solicitaron compatibilizar o seu posto na Administración co desempeño de actividades privadas de carácter profesional.
Horario de apertura e peche das terrazas
Outro dos puntos a tratar é a regulación do horario de apertura e peche de terrazas no Concello de Ames. O pleno ordinario do mes de maio aprobou definitivamente a Ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos do Concello de Ames. O artigo 25 desta ordenanza establece que “o horario de funcionamento das terrazas será o acordado pola Corporación”. En base a este artigo a Goberno Municipal reuniuse coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e coa Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal” para acordar un novo horario de apertura e peche das terrazas que agora terá que ser aprobado no pleno ordinario deste mes de xuño. Neste acordo establece que o horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo.
Instalacións deportivas municipais e escolas deportivas
No pleno ordinario tamén se tratará a aprobación inicial do Regulamento de instalacións deportivas municipais e escolas deportivas municipais do Concello de Ames. Dado que o concello carece dun regulamento de instalacións deportivas municipais e escolas deportivas a concelleira de Deportes, Susana Señorís, presenta dito regulamento para ser aprobado pola Corporación Municipal.
O obxecto deste regulamento é ordear a utilización das instalacións deportivas municipais para garantir un correcto uso das mesmas. Este regulamento engloba a utilización dos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, dos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, das pistas deportivas de raqueta e das piscinas descubertas municipais. Son un total de 24 artigos nos que se regulan os dereitos e deberes dos usuarios, os horarios de uso, as taxas, as prohibicións, así como, as normas de mantemento e conservación entre outros.
Instalacións culturais
Abordarase, tamén, a aprobación inicial do Regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais dependentes do departamento de Cultura do Concello de Ames. Dado que non existe un regulamento específico para a xestión e utilización das instalacións culturais propiedade do Concello a concelleira de Cultura, Natividade González, presenta este regulamento para a súa aprobación polo Pleno.
O regulamento ten por obxecto establecer as normas para o funcionamento e uso da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do Pazo da Peregrina, dos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, A Tarroeira, Biduído, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Trasmonte e da escola unitaria de Agrón. O documento recolle os dereitos dos usuarios, as obrigas, os procedementos de uso, así como a posibilidade de realizar acordos de apoio á creación artística.
Centro Deportivo Municipal A Telleira
Tamén se debaterá a aprobación inicial da modificación da Ordenanza num. 1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira do Concello de Ames. Dita ordenanza fixa os prezos de matrícula, abonos, cursos outros servizos e actividades que se prestan no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Ames.
Unha vez aprobada pola Corporación Municipal o acordo provisional ten que ser exposto ao público no taboleiro de edictos do Concello de Ames, no BOP e na páxina web municipal durante trinta días hábiles para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e formular alegacións.
Nesta sesión plenaria abordarase, ademais, a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. A concesión da xestión e mantemento do Centro Deportivo Municipal A Telleira foi adxudicada en sesión plenaria de 27 de febreiro de 2006, á entidade Serviocio Cultura Deporte y Recreación SL. Dende 2006 realizáronse cinco actualizacións do prezo do contrato actualizando as tarifas mediante a modificación da correspondente ordenanza reguladora. Con esta nova actualización do prezo o incremento ascende ao 5,7%.
Suplemento de crédito
Por último, debaterase a aprobación dun suplemento de crédito 2/2022 por valor de 374.061,50 euros para a construcción do Centro Multifuncional de Lecer, Cultura e Promoción Económica dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.
O proxecto foi adxudicado á empresa TUUNGOO ARQUITECTOS AIE. A empresa detectou un incremento sustancial do orzamento de execución material con respecto ao orzamento establecido na convocatoria do concurso de ideas do ano 2020. Devandito incremento responde á situación económica actual de subida exponencial de prezos na construción, materias primas, man de obra e transporte, así como aos incrementos continuados na inflación, producidos por diferentes factores nacionais e internacionais.
Para poder levar a cabo a obra e rematala en tempo é necesario suplementar o crédito co obxecto de que os prezos se axusten ao mercado. Para estas actuacións urxentes e inaprazables proponse empregar o remanente líquido para gastos xerais cun suplemento de crédito por un importe de 374.061,50 euros.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames celebra el pleno que tratará el nuevo horario de las terrazas"