Pestanas principais

A matemática María Victoria Otero Espinar recibirá a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia 2022

Xoves, 21 de xullo de 2022

O Concello de Ames celebra o Día de Galicia cun acto institucional que neste 2022 recoñecerá á veciña amesá, María Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemático na Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española. O Concello fará entrega a Otero Espinar da medalla do Concello de Ames, nunha recepción oficial na que intervirán as voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal, así como amizades e familia da homenaxeada. O acto de celebración terá lugar o venres, 29 de xullo, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a partir das 20:30 horas, e contará coa música do grupo As Lens.

O acto institucional do Día de Galicia do Concello de Ames homenaxeará este ano á matemática galega María Victoria Otero Espinar, que recibirá a medalla do Concello de Ames, ao igual que o fixeron en edicións anteriores Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño ou Ramón Lorenzo. A catedrática de Análise Matemático na Universidade de Santiago de Compostela estará acompañada por familia e amizades nunha celebración que se desenvolverá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 29 de xullo a partir das 20:30 horas.

María Victoria Otero Espinar (Lugo, 1962) é unha prestixiosa e recoñecida matemática galega. É licenciada en Matemáticas pola USC e doutora en Matemáticas dende o ano 1992, nunha universidade coa que está vinculada dende 1986, realizando labores de investigación e ocupando varios postos docentes. Neste senso, é catedrática de Análise Matemático dende 2009 e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, ademais de ter experiencia en xestión e administración educativa, como decana da Facultade de Matemáticas, vicerreitora de Titulacións ou presidenta do Colexio de Decanos da USC. Na actualidade, é profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, e forma parte do Grupo de Investigación en Matemáticas.

Neste ámbito investigador, ten realizado visitas en numerosos centros e laboratorios de prestixio, como Laboratoire de Mathématiques (Université de Nice), King's College (University of Cambridge), Mathematics Institute (University of Warwick), Universidade de Lisboa, Universidade do Porto ou a Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros. As súas liñas de actuación enmárcanse no campo das Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática. É autora de máis de 50 publicacións en revistas especializadas ás que se suman ademais as derivadas de congresos e estudos relacionados coas Matemáticas.

Otero Espinar será a protagonista dun acto do Día de Galicia que contará coa música do grupo As Lens e as intervencións das súas achegadas e achegados, das voceiras e voceiros dos grupos políticos da Corporación municipal, e do alcalde de Ames, Blas García, que se reuniu coa matemática esta semana na Casa do Concello.

O rexedor municipal, Blas García, destacou que “se lle vai outorgar a medalla do Concello de Ames a María Victoria Otero Espinar pola súa traxectoria académica e no ámbito da investigación. As súas liñas de actuación enmárcanse no campo das Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática. É un orgullo que María Victoria sexa veciña de Ames e vamos a facerlle un pequeno acto de recoñecemento o vindeiro venres 29 de xullo, dentro do acto institucional do Día de Galicia que celebra o Concello de Ames”.

Por outra banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, tamén destaca a figura de María Victoria Otero Espinar e reivindica “a importancia de festexar o Día de Galicia en Ames cun acto no que participan os partidos políticos con representación na Corporación municipal e ao que tamén está convidada toda a veciñanza de Ames. É un día para celebrar a importancia de ser galegas e galegos e para festexar. Contaremos coa actuación musical do grupo As Lens”.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "A matemática María Victoria Otero Espinar recibirá a medalla do Concello de Ames polo Día Nacional de Galicia"

Imaxe da xuntanza entre María Victoria Otero Espinar e o alcalde de Ames, Blas García

Multimedia

  • Cartaz do Día de Galicia 2022