Pestanas principais

Concello e Espina & Delfín reúnense para adoptar novas medidas de aforro de auga

Mércores, 27 de xullo de 2022

O Concello de Ames vén adoptando unha serie de medidas dende comezos de verán para reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza. Neste senso, o alcalde Blas García reuniuse onte con Espina & Delfín, empresa xestora do ciclo da auga en Ames, co fin de propoñer posibles formas de minimizar as perdas nas redes de abastecemento e saneamento, como o control dinámico da presión da auga ou a reparación de fugas nalgúns puntos da rede municipal. Asemade, o Concello continúa pedindo a colaboración da veciñanza para facer un uso responsable da auga durante o verán.

O Concello de Ames desenvolve dende comezos de xuño varias medidas co fin de reducir o consumo de auga e fomentar un uso moderado deste recurso durante o verán, un período que neste 2022 está a ser especialmente caloroso e seco. Co obxectivo de promover a colaboración da veciñanza neste eido, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á facer un uso responsable da auga.

Finalmente, no mes de xuño reduciuse o consumo de auga en Ames nun 7,69% con respecto ao mesmo período de 2021. O consumo total no concello foi de 158.831 metros cúbicos, o que supón un aforro con respecto ao ano anterior de arredor de 13 millóns de litros de auga. A baixada foi especialmente pronunciada na zona de abastecemento de Bertamiráns, onde caeu o consumo un 9,76%, mentres que o aforro na zona do Milladoiro foi do 5,61%.

Continuando con esta serie de accións, o Concello reuniuse onte coa empresa xestora do ciclo da Auga en Ames, Espina & Delfín. Á xuntanza, celebrada no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Servizos Básicos, Blas García; o técnico municipal do Ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; Juan José Somoza, director de servizos en Espina & Delfín, e Jacobo Moreno, xefe do servizo de Espina & Delfín en Ames.

As principais propostas para reducir o consumo de auga en Ames tratadas na reunión referíronse á redución de perdas nas redes municipais de abastecemento e saneamento. Tanto a eficiencia do subministro como a prevención e detección de fugas non só afectan ao aforro de auga, senón que tamén evitan os gastos derivados da reparación e da auditoría destas redes.

Deste xeito, un dos conceptos expostos na xuntanza foi o do control dinámico da presión da auga. Esta técnica consiste en variar a presión adaptándose á demanda da rede, seguindo factores como os hábitos de uso da veciñanza. A redución temporal da presión contribúe ao mantemento da rede, xa que reduce a taxa de roturas á vez que combate as fugas, que afectan menos ao consumo cunha presión menor.

Ademais, o Concello presentou unha proposta de reparación a Espina & Delfín de varias fugas nas redes de saneamento municipais, diagnosticadas recentemente en conxunto con Augas de Galicia, e que incluíu un orzamento do conxunto de obras a realizar.

Por último, e como indicativo da gravidade da situación en conxunto, estase a estudar a instalación de bombeos auxiliares que permitan recoller máis auga noutros puntos, xa que o nivel de captación na potabilizadora de Lens está só 40 centímetros por riba do nivel mínimo necesario para a recollida.

O alcalde de Ames e concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, destaca que “é fundamental minimizar as perdas de auga nas redes municipais de abastecemento e saneamento. Para iso mantivemos unha xuntanza coa empresa concesionaria do Ciclo integral da auga co obxectivo de poñer en marcha medidas como o control dinámico da presión da auga. Tamén se lle presentou a Espina & Delfín unha proposta de reparación  de varias fugas nas redes de saneamento municipais para evitar a perda innecesaria de auga. A prevención e detección de fugas non só incide no aforro de auga, senón que tamén evitan os gastos derivados da reparación e da auditoría das redes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames busca nuevas maneras de ahorrar agua minimizando las pérdidas de la red de suministro"

El Correo Gallego: "Ames busca máis formas de reducir o consumo de auga durante este verán"

AMSGO!: "O Concello e Espina & Delfín reúnense para adoptar novas medidas de aforro de auga"

Concello e Espina & Delfín reúnense para adoptar novas medidas de aforro de auga

Multimedia

  • Concello e Espina & Delfín reúnense para adoptar novas medidas de aforro de auga
  • Concello e Espina & Delfín reúnense para adoptar novas medidas de aforro de auga