Pestanas principais

Todo listo no Milladoiro para acoller a undécima edición do Millarock

Xoves, 04 de agosto de 2022

O rock galego volve este venres 5 de agosto ao Milladoiro cunha nova edición do Millarock. Trátase dunha cita consolidada na programación cultural de Ames, onde a concellaría de Cultura continúa a súa aposta polas bandas emerxentes e a música en galego. O XI Millarock celebrarase na travesía do Porto, a partir das 21:00 horas con aforo ilimitado e entrada libre e de balde. O festival, que contará cos grupos The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón, é un dos grandes protagonistas do cartel “Ames en Festas”, no que se suman once días de celebración no Milladoiro e Bertamiráns ao encadear as festas da Madalena e da Peregrina.

Un ano máis, o Milladoiro convértese en punto de encontro para os/as amantes do rock co festival Millarock, que este ano celebra a súa undécima edición. O festival deixa atrás as restricións do 2021 e contará con entrada libre e aforo ilimitado. A fórmula do festival non muda e continúa apostando pola música en galego, por voces femininas e por grupos emerxentes da contorna, nesta ocasión cun cartel formado polos grupos The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón.

O Millarock é unha das apostas da concellaría de Cultura que ano por ano traballa por traer ao Milladoiro bandas consolidadas na escena galega, como Terbutalina, Bala, Nao, Zënzar, Dios Ke Te Crew, Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Medomedá ou Familia Caamagno, entre outras.

Ademais o XI Millarock será unha das grandes citas das festas da Madalena do Milladoiro, que este ano se celebran do xoves 4 ao martes 9 de agosto. Unha celebración que este ano se une ás festas da Peregrina de Bertamiráns, para sumar once días de troula seguidos nos dous núcleos principais do concello, do 4 ao 14 de agosto.

A programación ao completo de ambas festas compón o cartel “Ames en Festas”, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo de “Ames en Festas” 2022.

Cartel do XI Millarock, o venres 5 de agosto na travesía do Porto do Milladoiro

Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014. A banda está formado por  Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén ao teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería. Destacan por un estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica, un estilo que segue moi presente no seu último disco “Erosión” publicado en 2022.

Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock an roll feito en galego. Biribirlocke destaca pola enerxía coa que soben ao escenario e polo uso de cordas e ventos o que orixina un rock and roll moi particular.

The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. O estilo destes catro mozos apóiase en temas animados e directos cargados de enerxía. As súas letras falan de amor, desamor, mocidade ou festa; todo cunha base musical baseada en ritmos disco e guitarras indies.

Battosai son Héctor, Nolo e Gus que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo. Froito desa fusión xurdiron os seus primeiros singles "Cuánto Tiempo" e "12:21" e o seu primeiro LP "Battosai".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fiestas en O Milladoiro hasta el martes con apoyo a la hostelería"

Todo listo no Milladoiro para acoller a undécima edición do Millarock

Multimedia

  • Todo listo no Milladoiro para acoller a undécima edición do Millarock
  • Todo listo no Milladoiro para acoller a undécima edición do Millarock