Pestanas principais

O proxecto “O poeta que baila” do IES do Milladoiro, recoñecido como “excelente” en innovación e dinamización lingüística

Venres, 05 de agosto de 2022

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional fixo públicos o pasado 20 de xullo os recoñecementos aos mellores proxectos de innovación educativa en materia de dinamización lingüística no curso 2021-22. Deste xeito, consideráronse como “excelentes” cinco iniciativas, entre as que se atopa “O poeta que baila”, un proxecto realizado de maneira conxunta entre o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. O traballo, que busca vincular a obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán coa música galega e latina, recibirá unha dotación de 2.000 euros para continuar co proxecto, que inclúe a elaboración de videoclips ou a produción dunha serie de poemas musicados nun estudo de gravación.

O proxecto “O poeta que baila”, no que participaron o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, está entre os cinco proxectos que obtiveron a consideración de “excelente”, outorgada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional a través da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística.

O traballo busca unir a música e a poesía a través dun proceso de aprendizaxe participativo e horizontal. Deste xeito, trátase de vincular a lírica de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se dedicou o Día das Letras Galegas 2022, coa música galega e a latina, achegando á súa vez ao alumnado a escena musical galega actual. Con esta premisa, marcáronse os obxectivos de musicar poemas cunha serie de artistas recoñecidos, gravalos de xeito profesional e elaborar videoclips.

Neste senso, o IES do Milladoiro presentou dúas propostas, que inclúen unha cumbia co grupo Los Jinetes del Trópico, e un corrido mexicano co artista Xurxo Souto. A dotación económica recibida co premio permitirá que á volta das vacacións, nos meses de setembro e outubro, se poida continuar co proxecto, procedendo á gravación das cancións.

Antes de que o proxecto fora seleccionado, e ao longo de todo o curso 2021-2022, profesorado e alumnado prepararon o traballo, seleccionando as letras e os poemas a musicar, contactando con varios artistas e transmitíndolles as súas propostas. En total, arredor dunha ducia de alumnas e alumnos de diferentes idades do IES do Milladoiro participaron no proxecto. Ademais, unhas dezaseis persoas entre o profesorado de ambos centros recibirán unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa.

O profesor do IES do Milladoiro, Manolo Maseda, mostrouse “inmensamente feliz” coa recepción do premio, que permitirá “realizar un soño” ao alumnado, asistir a un estudo de gravación profesional e traballar con artistas galegas recoñecidas. “Cremos que este tipo de accións, nas que o alumnado entra de forma lúdica e emprega a súa lingua con orgullo, empoderan e fan que a lingua sexa un elemento diario, sen ter que insistir constantemente na diglosia. Tratamos de ver o talento oculto do alumnado, de non excluír a ninguén, e de aprender no camiño con proxectos transversais”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premian al Instituto do Milladoiro por ‘poner a bailar’ a Delgado Gurriarán"

O proxecto “O poeta que baila” do IES do Milladoiro, recoñecido como “excelente” en innovación e dinamización lingüística

Multimedia

  • O proxecto “O poeta que baila” do IES do Milladoiro, recoñecido como “excelente” en innovación e dinamización lingüística