Pestanas principais

Agrón celebra as súas festas na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque

Mércores, 10 de agosto de 2022

Dende este mércores e ata o venres 12 de agosto a parroquia de Agrón celebra as festividades na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque.  Durante os vindeiros días haberá misas e procesións, así como verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames e da Concellaría de Cultura, a través do seu programa “Música nas parroquias”.

A parroquia de San Lourenzo de Agrón comeza este mércores 10 de agosto as festas na honra do seu patrón, San Lourenzo, e o Santísimo Sacramento e San Roque. As celebracións estenderanse ata o venres 12 de agosto e vanse desenvolver no campo da festa da parroquia.

Durante a primeira xornada das festividades celebrada na honra de San Lourenzo desenvolverase unha misa solemne a partir das 13:00 horas. A continuación sesión vermú a cargo do dúo Reflejos. Xa pola noite a veciñanza poderá gozar dunha verbena a cargo do dúo Reflejos.

As festas continuarán o xoves 11 ás 13:00 horas cunha misa cantada polo coral “Lojo Batalla” de Tapia. Esta actuación é froito da colaboración do Concello de Ames coas comisións de festas a través do programa “Música nas parroquias”. Seguidamente haberá sesión vermú coa orquestra Solara, unha orquestra que está celebrando o seu 41 aniversario percorrendo toda Galicia coa súa xira #loquetúquerías. Xa pola noite, actuará a orquestra Solara e DJ Kola.

Por último, o venres 12, pecharanse as festas cunha nova misa na honra de San Roque. De seguido, sesión vermú co grupo Eureka, un grupo musical disposto a facer ao público bailar, cantar e desfrutar coa súa xira #loqueestásbuscando. O fin de festa virá da man do grupo Eureka e da discoteca móvil Eme Music.

“Música nas parroquias”
“Música nas parroquias” é a aposta da concellaría de Cultura para recuperar as festas das parroquias do concello de Ames. É un programa vivo que inclúe a todos os grupos musicais e agrupacións tradicionais que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán.

Baixo este programa xa actuaron os Retranqueiros no Milladoiro, a agrupación Airiños do Paseo de Colón en Ames, Os d’Abaixo en Bugallido, Luar na Lubre en Ortoño ou as corais Lojo Batalla e Antonio Santomil, tamén, en Ortoño.

Dentro do cartel de “Músicas nas parroquias” tamén poderemos escoitar grupos como De Vacas, Os Retranqueiros, Os Castros ou a Banda de Música de Brión e a Ateneo de Negreira.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bugallido y Agrón: epicentros del ocio rural con teatro, cuentos y verbenas"

Agrón celebra as súas festas na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque

Multimedia

  • Agrón celebra as súas festas na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque
  • Agrón celebra as súas festas na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque