Pestanas principais

Cinema Miúdo, o festival internacional de cine infantil de Ames, abre o prazo de inscrición de filmes

Luns, 22 de agosto de 2022

A quinta edición do Cinema Miúdo ten aberto o prazo para a inscrición de curtametraxes infantís ata o 30 de setembro. Poderá inscribirse calquera filme producido no ano 2020 ou posterior, destinado ao público preescolar, infantil ou xuvenil e sen límite de traballos por creador ou creadora. A inscrición é gratuíta a través da plataforma Festhome ou no correo electrónico programacion@cinemamiudo.gal. O Cinema Miúdo celebrarase entre o 24 e o 27 de novembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

O festival Cinema Miúdo arrinca o período de programación e para elo, anima aos cineastas de calquera nacionalidade a inscribir as súas pezas e optar a ser proxectadas na quinta edición do festival internacional que se celebra no Concello de Ames.

Como é habitual, a sección oficial estará dividida en dous bloques, atendendo á idade á que están dirixida os filmes: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para a rapazada maior de 7. Cada unha das categorías competirá por un premio do xurado, dotado con 500 euros e un premio do público de 200 euros.

A inscrición é gratuíta a través da plataforma Festhome ou no correo electrónico programacion@cinemamiudo.gal. Poderá inscribirse calquera filme producido no ano 2020 ou posterior, destinado ao público preescolar, infantil ou xuvenil e sen límite de traballos por creador ou creadora. No caso de pezas rodadas nun idioma distinto ao galego ou castelán deberán estar subtituladas. En canto á duración das curtas, non deberán superar os 10 minutos na categoría axóuxeres e os 25 na categoría buxaina.

A selección das películas farase tendo en conta os valores tanto estéticos como educativos da peza e só serán seleccionadas aquelas que respecten a igualdade, a diversidade e a non discriminación.

Cinema Miúdo

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, unha aposta do Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña, que nace no 2018 co obxectivo de proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de gozar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos, ademais de sesións específicas para alumnado escolar, mesas redondas para docentes, obradoiros, e sesións musicais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premios de 500 euros no festival Cinema Miúdo do 24 ao 27 de novembro"

Enfoques: "Abierta la inscripción de cortos para el Cinema Miúdo, el festival internacional de cine infantil de Ames"

Cinema Miúdo, o festival internacional de cine infantil de Ames, abre o prazo de inscrición de filmes

Multimedia

  • Embedded thumbnail for