- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación do acordo entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Heracles, para que o equipo filial, que compite na liga EBA, pase a denominarse Obradoiro Ames e dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro. O acordo terá unha duración de tres temporadas, aínda que se agarda poder prolongalo por máis tempo. O Obradoiro CAB establecerá un convenio de colaboración coa A.D. Básquet Ames como complemento a este convenio para a promoción e dinamización do baloncesto entre a mocidade de Ames.
O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles deron a coñecer esta mañá os detalles do acordo alcanzado co Concello de Ames nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal, e mailo adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández.
Dito acordo recolle que o filial do Monbus Obradoiro, que compite na liga EBA, pase a denominarse Obradoiro Ames. Ademais, o pavillón municipal de deportes do Milladoiro será a sede oficial do equipo filial para os partidos de Obradoiro Ames como local na competición nacional da liga EBA. O número de partidos oficiais será de quince, aos que se poderán engadir algúns amistosos a determinar, sempre de acordo entre as partes.
Algúns dos beneficios deste acordo serán que toda a veciñanza de Ames gozará dun 10% de desconto, acumulábel a calquera outro desconto existente, nos abonos do Monbus Obradoiro para ver os partidos da liga ACB, dende a sinatura do convenio. Ademais, o Concello de Ames gozará de 100 invitacións para un partido da Liga ACB do conxunto obradoirista como local, no Multiusos Fontes do Sar, a elixir, agás os partidos que se establezan no calendario contra Real Madrid e FC Barcelona.
Por outra banda, o primeiro equipo realizará un adestramento-exhibición, coa posterior sinatura de autógrafos, no pavillón municipal do Milladoiro, nunha data que se acordará entre as partes. O Concello de Ames tamén gozará de publicidade na U Televisiva nos previos dos partidos do equipo ACB no Multiusos Fontes do Sar e o Concello de Ames terá o seu logotipo corporativo na páxina web do club, que enlazará coa páxina web oficial do Concello. En contrapartida o Concello de Ames comprométese a abonar á Fundación Heracles a cantidade de 17.000 euros.
Promoción e dinamización do baloncesto en Ames
O Obradoiro CAB establecerá un convenio de colaboración coa A.D. Básquet Ames como complemento a este convenio para a promoción e dinamización do baloncesto entre a mocidade de Ames. Ademais, crearase unha comisión de seguimento que estará formada pola concelleira de Deportes do Concello de Ames, o presidente da Fundación Heracles, o director da canteira obradoirista e o presidente da A.D. Básquet Ames.
Fomento do deporte
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “o fomento do deporte é fundamental polos efectos beneficios que ten no ámbito da saúde, pero tamén no educativo e formativo. Ademais, inculca valores como o traballo en equipo, respecto, amizade e compañeirismo. Cando nos chegou a proposta deste acordo de colaboración decidimos apostar por el porque cremos que o deporte base é fundamental porque precisamente iso é o que se inculca dende as Escolas deportivas municipais. Deste xeito, dende esta temporada o nome de Ames estará ligado co equipo filial do Monbus Obradoiro e agardemos que a veciñanza de Ames asista a ver os partidos deste equipo e que isto tamén permita espertar o interese da práctica do baloncesto en moitos rapaces e rapazas do noso concello”.
Pepe Casal, presidente da Fundación Heracles, dixo “para nós, xogar en Ames e que o noso filial se chame Obradoiro Ames é moi importante. Primeiro porque imos xogar con público. Estar ao lado de Santiago, ter un pavillón coma o do Milladoiro, para nós como equipo é un salto de calidade moi grande, incluso faremos algún oco para poder adestrar alí. Este acordo para tres anos é moi bo para ambas partes, sobre todo para un concello onde hai nenas e nenos por todos lados. Oxalá estes nenos crezan sabendo que o filial do Obradoiro vai xogar no Milladoiro, iso vai ser un aliciente tanto para eles como para nós.
Ademais, engadiu “oxalá poidamos responder deportivamente e o ano que vén teñamos que discutir a ver que pasa co ascenso á LEB Prata. O equipo é moi bonito, de xente moi nova, todos de menos de 22 anos, e normalmente iso gusta moito á afección. A base de bo espírito, de correr, de defender e de pelexar levamos dous anos como subcampións da liga, a ver se este ano damos a sorpresa”.
Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, destacou que “é un pracer estar aquí convosco, non só teño ao Obradoiro no corazón, senón que este é o meu concello, onde resido coa miña familia dende xa fai nove anos, levo a bandeira de Ames alí onde imos. Para min foi unha ledicia enorme, primeira por egoísmo, porque resido aquí e vai ser moito máis doado ir aos partidos, e tamén porque é un paso adiante fantástico para o que é o noso equipo filial, que está a facer unhas campañas excepcionais. Estou convencido de que vai atraer a moita xente, non só polo espectáculo, senón que por esa referencia para os cativos e cativas, creo que somos o concello de maior crecemento de Galicia”.
Reforzo da vinculación Ames-Obradoiro CAB
O acto pechouno o alcalde de Ames, Blas García, que lle deu as grazas a Moncho Fernández, que é veciño do concello de Ames, así como a Pepe Casal e Susana Señorís polo traballo feito entre ambas institucións para poder facer realidade dito acordo. O alcalde tamén se lembrou de Jose Luis Penas do A.D. Básquet Ames que foi unha das primeiras persoas en propoñer que o filial do Monbus Obradoiro dispute os seus partidos como local en Ames.
Blas García explicou que “este acordo permitirá que o filial do Monbus Obradoiro leve o nome de Ames polo resto do territorio nacional, así como que os equipos que veñan a xogar ao Milladoiro doutros lugares do Estado coñezan o noso concello”. Ademais recalcou “a importancia do deporte base para a formación da mocidade e tamén os valores que representa o Monbus Obradoiro xa que é un club modesto, humilde e familiar. Este acordo o que fai e reforzar a vinculación que xa existía entre Ames e mailo Obradoiro CAB, xa que Moncho reside no noso concello e ademais hai moitos afeccionados e afeccionadas deste club en Ames”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El filial del Obradoiro deja Silleda y se va a O Milladoiro"
AMSGO!: "Ames será sede do equipo filial en Liga EBA do Monbus Obradoiro"