Pestanas principais

O Apego de Ames proxecta a película infantil “Valentina”, premio Goya 2021 de animación, o mércores 21 na Casa da Cultura do Milladoiro

Martes, 13 de setembro de 2022

O programa Apego achega a Ames a recoñecida película infantil “Valentina”, un conto musical sobre a inclusión e a diversidade, dirixida por Chelo Loureiro e premiada co Goya 2021 á mellor película de animación. O filme conta a historia dunha rapaza cansa de ter síndrome de Down, convencida de que é o motivo que lle impide acadar o seu soño de ser trapecista, e que fará unha viaxe máxica para descubrir todo do que é capaz. A proxección, orientada ao público familiar, terá lugar o mércores 21 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A inscrición, de balde, pode realizarse dende hoxe ata o 20 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. A actividade chega ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22, no marco da iniciativa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Trátase da primeira película de animación protagonizada por unha nena con síndrome de Down. "Valentina" é a historia dunha nena que quere ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo. A súa avoa, coa que ten unha relación moi especial, anímaa sempre a perseverar: se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca podemos perder a ilusión nin as ganas de aprender.

O filme, dirixido, escrito e producido pola cineasta galega Chelo Loureiro, foi gañadora do premio Goya 2021 á mellor película de animación. Debuxada polo ilustrador David Pintor, a dobraxe da personaxe principal, Valentina, foi interpretada tanto en galego como en castelán por dúas nenas con síndrome de Down, Lucía Serén e Pepa Lockhart.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o martes 20 de setembro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes. A programación infantil con Apego de outono de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Apego proxectará o filme inclusivo Valentina o 21"

Cartaz do filme Valentina

Multimedia

  • Cartaz do filme Valentina
  • Cartaz do filme Valentina