- Tipo
O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 25 de setembro, a partir das 10.30 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, explicou que “o obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais. O Concello súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar este domingo, 25 de setembro, na limpeza de ríos e regos do concello de Ames”.
En Ames estableceuse un punto de inicio e finalización na praza do Concello. Neste punto de encontro recibirase, ás 10.30 horas, a todos/as os/as participantes. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro para achegarse ata Bertamiráns. Saíra dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:15 horas. Unha vez realizada a presentación da actividade e dar as instrucións oportunas sobre como debemos desenvolver a limpeza faranse diversos grupos.
Está previsto que as labores de limpeza rematen arredor das 13:00 horas. Unha vez transcorrida a limpeza, os/as participantes reuniranse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada rego e despois depositarase o lixo nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.
Que precisas levar e saber
Recoméndase levar calzado e roupa resistente, así como luvas para evitar facer feridas xa que entre o lixo pódense atopar botellas de vidro rotas entre outras cousas. Faranse grupos de dúas ou tres persoas por treito e cada persoa traballará nunha zona específica de cada treito.
Haberá que intentar separar os diferentes tipos de lixo para posteriormente depositalos nos contedores de reciclaxe. En caso de encontrar aceites de coches e residuos líquidos, non se poden mesturar. Ao rematar a actividade, hai que limpar o material empregado para evitar dispersar semente de flora exótica invasora ou, no caso de anfibios, transmitir enfermidades.
Agradécese que se fagan fotos da limpeza e do lixo recollido para divulgar a acción realizada nos medios de comunicación e redes sociais. Deste xeito, estarase a contribuír na concienciación sobre a importancia de coidar o medio ambiente.
Inscrición na Aula da Natureza
Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Na páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ especifícase que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes, que financian e colaboran neste proxecto.