- Tematica
Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Os interesados e interesadas deberán cubrir un modelo de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido. Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.
O proxecto de Radio Cidadá comezou a súa andaina no ano 2017. Desde entón materializáronse a través desta convocatoria máis de corenta propostas de distintas temáticas, dirixidas a variados segmentos de poboación. Programas sobre literatura, historia local, distintos xéneros de música, relixión, humor, ecoloxía ou educación compuxeron a grella de Radio Cidadá ao tempo que enriqueceron a programación global da emisora. Programas como “Tangos de la esquina Sur”, “Vivirnos nun mundo finito”, “De Museo” ou “Miradas” levan emitíndose desde o principio do proxecto.
Ames Radio acredita a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma. Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o nos teléfonos 981 890 452 e 662377413.