- Tipo
- Tematica
O mes de novembro arrinca cunha nova cita do programa “Encontros Literarios de Ames”. Nesta ocasión, o escritor Alfredo Conde presentará o seu libro “A conto do literario”, un relato do seu tránsito polos sistemas literarios galego e español. Será este xoves 3 de novembro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
"A conto do literario" é a última obra do escritor e político Alfredo Conde. Nela, Conde (Allariz, 1945) verte as súas memorias e narra as distintas peripecias que viviu durante o seu tránsito polos sistemas literarios galego e español, así como as preguntas que lle foron xurdindo ao longo da súa carreira. Na súa presentación o autor estará acompañado pola concelleira de Cultura, Natividade González.
Alfredo Conde é un político e escritor galego de narrativa e poesía. Ten recibido galardóns como o Premio Nacional de Narrativa (1986), o Premio Nadal (1991) e o Premio Blanco Amor (1984). Ademais, foi deputado no Parlamento de Galicia durante doce anos, e conselleiro de Cultura no executivo de Fernando González Laxe entre os anos 1987 e 1990.
En novembro do 2021 o autor xa presentou nos encontros literarios a súa obra “En canto a Fraga”, na que contaba, a través de historias, feitos e reflexións, a súa relación de amizade co político Manuel Fraga Iribarne, que perdurou a pesar das súas diferenzas políticas pero que rematou de maneira drástica.