- Tematica
O local social de Tarrío acolleu a comezos de semana a primeira xuntanza previa á posta en marcha de “Terra de mulleres: voces nos valos”, que por segundo ano se desenvolve en Ames tras a boa acollida da veciñanza de Biduído na pasada edición. O proxecto de arte urbana feminista, coordinado por 7H Cooperativa Cultural coa colaboración da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, busca recoller as testemuñas da veciñanza para crear dúas obras con contexto e perspectiva feminina en Tarrío. Unha das obras estará realizada pola artista ordense Nana, e outra crearase de xeito colectivo nun obradoiro colectivo interxeracional coa veciñanza, entre os días 24 e 29 de outubro.
O proxecto de arte urbana feminista “Terra de mulleres: voces nos valos” volve por segundo ano tras deixar en 2021 tres intervencións artísticas con perspectiva feminina na parroquia de Biduído. Os murais, inspirados polos recordos, testemuñas e fotografías da veciñanza, están situados no bar Guaraní do campo da festa de Biduído, na parede dun garaxe do lugar de Raíces e nun valo, cedido por un veciño na mesma aldea.
Coa mesma intención de contextualizar e reflectir a historia do rural amesá cunha mirada feminina, o proxecto continúa este ano en Tarrío, na parroquia de Bugallido, onde este pasado martes 4 se realizou a primeira xuntanza desta segunda edición de “Terra de mulleres”. Na reunión participaron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luisa Feijóo, representantes de 7H Cooperativa Cultural, e veciñanza de Tarrío e da Asociación Veciñal Tras do Río.
Nesta xuntanza previa á creación dos murais, que se fará entre os días 24 e 29 de outubro, presentouse o proxecto á veciñanza, propuxéronse posibles lugares para realizar as intervencións artísticas, e realizouse unha primeira toma de contacto para recoller as testemuñas de vida da veciñanza, como os costumes que tiñan na súa vida diaria, os seus oficios e tarefas, e outros recordos persoais.
Algunhas das lembranzas incluíron labores diarios como ir ao muíño, lavar, facer o pan; a vida en familia, ou as longas xornadas de traballo na terra, nas casas, nos lavadoiros, no monte, ou cos animais. Historias como as da vida de Carmen Miramontes, ou “Carme da fonte” para os veciños e veciñas de Tarrío, que tras unha vida enteira de traballo coida altruistamente da fonte do lugar.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “o proxecto Terra de mulleres: voces nos valos é un xeito de poñer en valor a muller do rural á vez que coñecemos as súas historias e costumes. Ademais, dámoslle un valor engadido ao proxecto cos murais e obradoiros colectivos que se van elaborar”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Volta a Tarrío o proxecto de arte urbana feminista"