Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a análise e diagnose da Axenda Urbana para coñecer os principais retos estratéxicos municipais

Sábado, 05 de novembro de 2022

David Santomil, concelleiro de Educación e Axenda Urbana, e Adolfo Neira, socio consultor da empresa EOSA, presentaron esta semana a análise e diagnose da Axenda Urbana do Concello de Ames. O documento, que foi elaborado pola empresa EOSA, foille presentado aos membros do goberno municipal e aos concelleiros e concelleiras do resto de grupo políticos con representación na Corporación municipal. Tamén participou en dita xuntanza o técnico responsable das xestións da Axenda Urbana, Juan Carlos Carreja. O seguinte paso será a licitación do Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL).

A elaboración da axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030, e máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. É importante para definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e para identificar e definir os principais retos e proxectos estratéxicos do concello, que haberá que afrontar durante a próxima década. Tamén é necesaria para canalizar boa parte dos fondos europeos ata 2030 e ser máis competitivos nas sucesivas convocatorias.

A elaboración da axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. Todas elas atravesadas pola identificación de actores, a participación e colaboración destes mesmos actores e a definición e aplicación dun modelo de gobernanza para o conxunto da estratexia. Neste momento o Concello de Ames atópase na fase de diagnose e avaliación, elaborando un primeiro documento de diagnose e análise estratéxica que permita iniciar un proceso de participación da axenda urbana de Ames informado e un debate en torno ás problemáticas e retos do concello baseado en datos.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil indica que “a axenda urbana é a folla de ruta que marcará a estratexia e as acción a levar a cabo ata 2030, para facer das vilas e cidades ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados. Constitúe un verdadeiro menú á carta para que todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto, sustentable desde os seus distintos campos de actuación, poidan elaborar os seus propios Plans de Acción. Trátase dun documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano”.

Fase de diagnose
A fase de diagnose está dividida en 10 apartados que a súa vez teñen varios retos. No apartado de territorio, paisaxe e biodiversidade hai 3 retos que son a necesidade de adoptar un modelo territorial asumido polo conxunto de administracións que interveñen na área urbana; a revitalización do espazo rural que implique a súa reactivación produtiva, dinamización social e posta en valor do patrimonio cultural e natural; e maila necesidade de favorecer a conectividade ambiental do conxunto da área urbana, mediante unha rexeneración ambiental que teña ao río Sar como eixo estruturador.

No segundo apartado faise referencia ao modelo urbano e existen 5 retos: necesidade de establecer unha malla territorial, que integre en rede os núcleos urbanos, os crecementos suburbanos, os núcleos rurais e os principais equipamentos e servizos; necesidade de revisar as dotacións existentes e previstas e a súa distribución territorial con criterios de cidade de proximidade; posibilidade de resolver os bordes urbanos inacabados ou inconexos co río Sar como nexo de unión; posibilidade de establecer redes de percorridos peonís, que configuren tamén percorridos comerciais, que conecten O Milladoiro e Bertamiráns, e Brión e Santiago en clave supramunicipal; e necesidade de impedir o incremento da dispersión poboacional, aumentando a densidade e compacidade dos núcleos periféricos.

Cambio climático e resilencia
Este apartado divídese en dous subapartados; mitigación do cambio climático e adaptación ao cambio climático con 6 retos que son a necesidade de actuar sobre a mobilidade para reducir as emisións de GEI no municipio; a necesidade de aumentar a capacidade de produción eléctrica local (distribuída) e analizar as posibilidades de implantación de comunidades enerxéticas; necesidade de seguir potenciando o consumo local e reducir a cantidade de residuos xerados e de facer máis eficiente a xestión; necesidade de implementar medidas de prevención, alerta temperá e de mellora da capacidade de resposta ante riscos climáticos (incendios, seca, inundacións, etc.); necesidade de coordinación entre municipios para dar resposta aos riscos derivados do cambio climático e planificar a adaptación, en especial o risco de seca; e necesidade de coordinación entre municipios para dar resposta aos riscos derivados do cambio climático e planificar a adaptación, en especial o risco de seca.

No apartado sobre a xestión sustentable dos recursos e economía circular abordase o consumo de enerxía (retos: revisar os instrumentos de planificación existentes para incluír datos aínda non dispoñibles sobre consumos de enerxía en determinados sectores; actuar sobre a mobilidade e a organización da loxística de cara a reducir a súa contribución ao consumo enerxético no municipio; e aumentar a capacidade de produción eléctrica local (distribuída) e inducir a unha redución da demanda de gasóleo en particular e de combustibles fósiles en xeral).

Neste mesmo apartado tamén se aborda o ciclo da auga (retos: aumentar a capacidade de depuración da auga para evitar a contaminación e de cara a emprender accións de rexeneración ambiental nas ribeiras do Sar; necesidade de levar a cabo un tratamento específico das augas pluviais, nas zonas onde se dispón de redes separativas de cara a unha xestión posterior da auga de choiva e ao seu aproveitamento para outros usos; e aumentar a capacidade de retención de auga, tanto na rede como no territorio, para a prevención e xestión de inundacións, que se poderían ver incrementadas como resultado do cambio climático).

Mobilidade e transporte
No apartado de mobilidade e transporte abórdanse tres restos que se refiren á necesidade de reforzar o transporte público e de intensificar as relacións con Santiago para restar viaxes aos modos en vehículo privado a favor do transporte público (redefinindo o transporte metropolitano); necesidade de incrementar o peso dos modos de transporte non motorizados (en especial a través de carril bici) sobre o total, e do transporte público nos desprazamentos motorizados, para conseguir unha redución efectiva de emisións e consumos derivados do uso de combustibles fósiles e para mellorar a seguridade viaria; e necesidade de recuperar espazo público para o seu uso estancial e de xerar percorridos peonís continuos que permitan o uso peonil do espazo urbano e contribúan á mellora da mobilidade e da saúde e sociabilidade da cidadanía.

Por outra banda, no apartado de cohesión social e igualdade de oportunidades establécense seis retos para favorecer o acceso da poboación das zonas rurais aos servizos presentes no conxunto do municipio e de dinamizar aquelas zonas do rural; adaptar os servizos sociais ás transformacións demográficas e tecnolóxicas en marcha e a establecer mecanismos de cooperación entre municipios da área urbana; manter e incrementar os esforzos públicos en materia de igualdade de xénero; necesidade de implementar políticas que reduzan o paro entre a poboación de 25 a 44 anos de modo que podan desenvolver un proxecto de vida no municipio e promover a Formación Profesional no municipio; estudar os cambios na composición da poboación tanto permanente como temporal de cara a priorización do establecemento de novos servizos públicos; e deseñar políticas específicas para os principais problemas sociais detectados en determinadas zonas do municipio: prostitución, tráfico de drogas, etc.

O sétimo apartado atinxe á economía urbana. Neste apartado faise referencia a catro retos: á necesidade de reforzar a planificiación e a gobernanza a nivel supramunicipal para xerar unha acción coordinada en materia de solo, infraestruturas e promoción de novas actividades económicas; posibilidade de transformar e reforzar o sector primario a través da promoción do consumo de alimentos de produción local, que se apoie na hostalería local e na de Santiago; necesidade de realizar actuacións de conexión dos distintos atractivos turísticos do municipio, salvando a súa dispersión, especialmente dende Santiago de Compostela; e necesidade de desenvolver programas de coñecemento de Ames para a poboación residente de modo que podan ser os mellores embaixadores do municipio.

Vivenda
No apartado de vivenda tamén se recollen tres retos: a necesidade de adaptación do parque de vivenda ás demandas de eficiencia enerxética, buscando a sustentabilidade no parque edificado; a posibilidade de creación dun parque de vivendas adaptados á poboación máis nova, conformando unha oferta atractiva e adaptada; e a posibilidade de desenvolver o solo municipal dispoñible para a creación dun parque público de vivendas.

No noveno apartado sobre a era dixital abórdanse outros tres retos: a necesidade de recompilación de datos procedentes de distintos ámbitos e creación de indicadores propios, que estean dispoñibles de xeito aberto, implicando ao tecido TIC local na solución; conectar a planificación dos procesos de dixitalización co resto de instrumentos para identificar necesidades concretas e ámbitos onde as novas solucións dixitais poidan aportar un valor engadido real ao municipio; e a necesidade dunha progresiva eliminación das zonas brancas no rural, e de mellorar a calidade dos servizos prestados a través da implantación das TICs.

Por último, no décimo apartado sobre instrumentos de gobernanza recóllense catro retos: explorar fórmulas de cooperación entre municipios da área urbana, institucionalizadas ou non, que permitan reforzar políticas estratéxicas; consolidar as experiencias de participación para reforzar á sociedade civil, mediante unha revisión dos órganos de participación existentes, e incentivar á poboación a coñecer as iniciativas na materia (incrementar o uso das TICs e redes sociais nesta participación); introducir na administración municipal unha cultura do seguimento e avaliación das políticas públicas, que permita melloras progresivas na acción pública; e centralizar a abundante información municipal dispoñible na web nun único punto, facilitando o acceso rápido por parte dos distintos departamentos municipais, axilizando os procesos de toma de decisións e a idoneidade das solucións adoptadas, e aumentando a transparencia da administración pública.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames aborda la creación de su agenda urbana con la presentación del análisis previo"

El Correo Gallego: "Presentaron a axenda urbana da vila amesá"

El Correo Gallego: "Un transporte eficiente y más vivienda adaptada, retos para la Agenda 2030"

O documento foi presentado aos membros da Corporación municipal

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a análise e diagnose da Axenda Urbana para coñecer os principais retos estratéxicos municipais
  • O Concello de Ames presenta a análise e diagnose da Axenda Urbana para coñecer os principais retos estratéxicos municipais