Pestanas principais

Preséntase a iniciativa “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostible”, un proxecto de educación ambiental

Luns, 14 de novembro de 2022

Esta mañá presentouse no local social de Biduído “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles”, unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática que busca construír narrativas de futuro sustentables a través do teatro. O proxecto, que está financiado pola fundación Daniel e Nina Carasso e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Ames, da asociación veciñal O Reguiño de Biduído e do grupo SEPA (USC), bota a andar en Ames, dirixido por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere.

O local social de Biduído acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do proxecto “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles”, que este ano se está a celebrar en Ames. Ao acto asistiron a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luísa Feijóo, o coordinador da Oficina Municipal de Voluntariado, Rubén Ramos, así como Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, en representación da compañía de teatro Chévere, e Ánxela Fraga e Miguel Pardellas, da cooperativa Feitoría Verde.

A iniciativa, que deu comezo o pasado 3 de novembro, busca mesturar a educación ambiental coas ferramentas artísticas para empregar a imaxinación colectiva fronte ao cambio climático. Despois de varias xuntanzas entre o Concello e a asociación veciñal O Reguiño de Biduído, conformouse un grupo interxeracional que, conxugando a enerxía dos movementos da mocidade polo clima e o saber dos máis maiores, está a construír un relato de futuro sustentable e desexable para Ames, propoñendo alternativas colectivas que mitiguen ou reduzan os efectos climáticos na contorna do municipio.

Trátase da segunda ocasión na que se desenvolve este proxecto, que botou a andar no curso 2021-2022 en Padrón con gran éxito, e que este ano terá lugar, ademais de en Ames, no concello de Pontevedra. Foi seleccionado pola fundación Daniel e Nina Carasso dentro da convocatoria “Componer saberes para imaginar y construir futuros sostenibles”, na que se enmarcan outros trece proxectos distintos. Tamén conta con financiamento da Deputación da Coruña, dentro do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero do ano 2022.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luisa Feijóo, sinalou que “é un proxecto de mulleres, de memoria colectiva, de intervención artística e de interxeneracionalidade. Temos un grupo de mulleres maiores que van aportar a súa sabedoría popular e as súas lembranzas, e do que se trata é de ver como desempeñaban as súas labores, como se coidaba o medio ambiente e como se pode trasladar todo iso ao día de hoxe para intentar frear o cambio climático”.

Pola súa banda, Ánxela Fraga, da cooperativa Feitoría Verde, engadiu que “o desafío está entre o cambio climático, a emerxencia climática e o xénero. Imos ver se recuperamos prácticas de descarbonización que xa existían e que é interesante que a xente nova aprendamos e recollamos das persoas adultas”. Ademais, dixo que “o obxectivo é traballar en comunidade. A idea é experimentar e aprender a través de dinámicas, xogos e movemento corporal”.

Xesús Ron, da compañía teatral Chévere, explicou que “é un proxecto que naceu o ano pasado para tratar o cambio climático cunhas ferramentas máis creativas e artísticas. Neste caso, a través da experiencia que nós temos traballando co teatro. Trátase, dende unha perspectiva local e coa xente que participe no obradoiro, de desenvolver ideas que nos permitan construír narracións de futuro”.

Na mesma liña se pronunciou Patricia de Lorenzo, tamén de Chévere, que afirmou que “o traballo parte do encontro con persoas maiores, de observacións e de conversas. Dáse un grupo moi diverso en idade, e seguro que vai saír algo positivo. Escoitaranse pequenas historias e experiencias vitais a través da mirada ao pasado”.

Fases do proxecto

“Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles” desenvolverase a través dun obradoiro que contará con dúas fases e que se dividirá en distintas sesións de traballo.

Por un lado traballaranse temas de educación ambiental e de xénero, empregando dinámicas de xogo participativas para analizar o cambio climático, a maneira na que este nos afecta, que consecuencias ten e que podemos facer para afrontalo. Para iso xuntaranse as experiencias e saberes de cada xeración, facendo especial fincapé no papel histórico das mulleres. Esta primeira fase correrá a cargo de Feitoría Verde.

Posteriormente, o grupo integrará ferramentas creativas e teatrais centrándose na imaxinación de futuros desexables que vaian máis alá do colapso e a catástrofe, enfocándose no pensamento a longo prazo. Para facelo, contará coa axuda da compañía teatral Chévere.

Unha vez finalizado o proxecto, o grupo de investigación de pedagoxía social e educación ambiental SEPA (da Universidade de Santiago de Compostela) será o encargado de recompilar a información de todo o proceso, así como de analizar os cambios nas opinións dos participantes e o seu impacto social.

Os interesados en coñecer máis información sobre a iniciativa poden poñerse en contacto con Miguel Pardellas, de Feitoría Verde, chamando ao número de teléfono 698 161 760.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Teatro y experiencia entre generaciones para la educación ambiental más urgente"

AMS GO!: "Descarboniza busca reducir o impacto do cambio climático en Ames"

La Voz de Galicia: "Cultura y educación ambiental entre generaciones, la apuesta de Ames por la emergencia climática"

Presentación do programa Descarboniza

Multimedia

  • Preséntase a iniciativa “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostible”, un proxecto de educación ambiental
  • Preséntase a iniciativa “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostible”, un proxecto de educación ambiental
  • Preséntase a iniciativa “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostible”, un proxecto de educación ambiental
  • Preséntase a iniciativa “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostible”, un proxecto de educación ambiental