Pestanas principais

Chega a Ames a obra de teatro “Lo del 75” este venres 18 de novembro

Martes, 15 de novembro de 2022

A obra de teatro “Lo del 75”, de La Santa Compañía, representarase este venres, 18 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. A historia, escrita e dirixida por Irene Miranda, dunha hora e quince minutos de duración, é unha proposta de humor absurdo. As entradas xerais teñen un prezo de 5 euros, mentres que as de prezo reducido custan 2,5 euros, e aínda están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.

Nela nárrase a vida de Ofelia e Fermín, unha parella que vive en Torrillo ata o momento no que a el lle ofrecen o traballo dos seus soños como arquitecto. A partir de entón, ambos se verán obrigados a tomar difíciles decisións, e o que podería ser unha boa noticia comeza a converterse no comezo de todos os seus problemas.

A comedia da obra ten como referencia o humor dos Monthy Python e de Alfredo Sanzol, e pretende presentar unha situación tola e improbable, pero mesturando o humor con elementos moi realistas. Conta coa participación de Ale Casarrubios, Antonio Delgado, Ángela Tejedor, Javier Galindo e Sebastián Toloza.

Venda de entradas

As entradas poden adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura do Milladoiro, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non se completase aínda o aforo.

A obra representarase este venres na Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • Chega a Ames a obra de teatro “Lo del 75” este venres 18 de novembro