- Tematica
As bibliotecas amesás celebran unha nova edición dos seus encontros literarios, nesta ocasión acollendo á xornalista e escritora Marga Tojo e ao seu libro "Arder: poética do que acontece na cidade". Será este xoves 17 de novembro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará á autora a xornalista Elena Martín, de Xarda Cooperativa Galega de Comunicación, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.
As bibliotecas de Ames celebran unha nova edición dos seus encontros literarios do curso 2022-2023 este xoves 17 de novembro. A escritora Marga Tojo presentará "Arder", un poemario editado por Edicións Positivas. A entrada é libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas de Ames organiza deste xeito o sexto encontro literario do curso 2022-2023, unha das principais actividades programadas para adultos. Dende setembro xa interviñeran os autores Diego Rojo, Eduardo Estévez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Fernando Franjo e Alfredo Conde.
A obra protagonista nesta ocasión é "Arder" o último poemario de Marga Tojo, que está editado por Edicións Positivas. A concelleira de Cultura, Natividade González, será a encargada de facer a presentación. Ademais, a autora estará acompañada da xornalista, Elena Martín, de Xarda Cooperativa Galega de Comunicación.
Arder é un texto con compromiso político. En Arder hai unha historia de amor nun escenario húmido e arriscado. Arder é habitar o corpo. En Arder ningunha utopía de autorregulación do capital controla as posibilidades de quererse. O encontro será unha conversa entre a xornalista e escritora Marga Tojo e a xornalista Elena Martín. Entre as dúas debullarán a obra "Arder: poética do que acontece na cidade".
A autora: Marga Tojo
Marga Tojo González conta con catro obras publicadas: Últimos bruídos (2016); Cara de velocidade (2018); Maternidade fóra de catálogo (2018) e Arder (2021). Ademais, Marga Tojo é colaboradora dos medios dixitais Praza Pública, Eldiario ou o diario Público, así como da Revista Luzes, da Revista do Audiovisual Galego ou da canle de televisión Galizaanocero.