- Tematica
O mércores 23 de novembro, ás 20:00 horas, proxectarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o documental “10 de marzo”, que narra o proceso de creación do convenio do estaleiro Bazán de Ferrol no ano 1972, abordando a penetración das comisións obreiras e do partido comunista nas negociacións e a resistencia contra a autoridade dos traballadores no marco da ditadura franquista, feitos que supuxeron un punto de inflexión para a sociedade galega. Os convites xa poden retirarse de balde na billeteira electrónica do Concello de Ames.
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames continúa a súa aposta polo cinema galego coa proxección do documental “10 de marzo”, que forma parte da programación cultural do Concello para este último trimestre do 2022, en colaboración coa Deputación da Coruña. O filme, de oitenta minutos de duración, está dirixido por Roi Cagiao, tamén creador da película Vigo 1972, e xira arredor da figura dos traballadores do estaleiro, que se manifestaron o 10 de marzo de 1972 polo centro da cidade de Ferrol como protesta ante a falta de avances no convenio que estaban a negociar coa empresa. Durante a xornada, a Policía da Armada, que intentou interceptar a marcha fronte á resistencia dos obreiros, disparou á multitude, deixando ducias de feridos e dous mortos: Daniel Niebla e Amador Rey.
A película aborda todo o proceso de inserción das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, así como as tensións de negociación do convenio, o sucedido durante os días 9 e marzo e a repercusión internacional dos feitos. Por outra banda, nárrase o chamado “Proceso 23”, no que os principais dirixentes obreiros foron xulgados.
Os espectadores poderán desfrutar dunha reconstrución que inclúe entrevistas cos protagonistas, materiais de arquivo inédito e ficcións de época. Ademais, na Casa da Cultura de Bertamiráns estará presente o director do documental, Roi Cagiao, que protagonizará un coloquio coas persoas asistentes.
Os convites xa se poden retirar de balde a través da billeteira electrónica do Concello de Ames ou o propio día de emisión do filme na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo, en caso de haber aínda entradas dispoñibles.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Divulgan a loita obreira co documental '10 de marzo'"