- Tematica
O espazo de coworking A Proa, no Milladoiro, organiza o próximo mércores, 14 de decembro, un novo evento. Desta volta trátase dun taller sobre a xestión do estrés no emprendemento, que será impartido por Eva Villar. Terá lugar ás 12:00 horas no local do centro A Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.
Responsabilidade, obxectivos, imprevistos, frustración, dificultades, adversidades e moita presión forman parte habitual do proceso de emprendemento. O espazo colaborativo A Proa propón un taller da man de Eva Villar sobre como xestionar todos estes sentimentos a nivel emocional e mental, algo que pode marcar a diferenza para acadar mellores resultados á hora de emprender.
No obradoiro, Villar explicará cal é o funcionamento do estrés, como se dispara e por que resulta difícil saír dese estado con rapidez. Ademais, os asistentes aprenderán unha práctica sinxela para desactivar ese mecanismo de defensa, recuperar a calma e ser así capaces de afrontar os diversos retos de maneira máis centrada e con claridade.
O evento celebrarase o mércores, 14 de decembro, ás 12:00 horas. O acceso é gratuíto, e cómpre inscribirse premendo na seguinte ligazón.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o centro colaborativo A Proa vén desenvolvendo dende o mes de outubro un novo ciclo de actividades para emprendedores. Nesta ocasión, Eva Villar impartirá un taller no que se falará sobre a xestión do estrés e como afrontalo”.
A Proa é un espazo colaborativo entre empresas que está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial Novo Milladoiro. Ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. Nas súas instalacións, numerosas persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Villar ensinará na Proa a xestionar o estrés dos emprendedores o día 14"