Pestanas principais

A praza da Maía acolle este xoves, 22 de decembro, o espectáculo "Isto é Rock"

Martes, 20 de decembro de 2022

As actividades da programación de Nadal continúan este xoves, 22 de decembro, ás 20:00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, co espectáculo “Isto é Rock” que forma parte do AmesOn de Nadal. Trátase dun espectáculo familiar sobre a historia do rock con música en vivo baseada no libro infantil “Isto é rock!” de Javier Becerra. No repertorio inclúense temas como “Waterloo” (Abba), “Satisfaction” (The Rolling Stones), “Piece Of My Heart” (Janis Joplin), “Blitzkrieg bop” (Ramones), “Bohemian Rapsody” / “We Will Rock You” (Queen) ou “Highway To Hell” (AC/DC), entre outros. A programación de Nadal ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A programación Nadal en Ames inclúe o espectáculo familiar “Isto é Rock”, que se enmarca no AmesOn de Nadal e está organizado pola Concellaría de Promoción Económica. Trátase dun espectáculo familiar sobre a historia do rock con música en vivo baseada no libro infantil “Esto es rock” / “Isto é rock!” de Javier Becerra (publicado por Hércules Edicións en castelán e galego). Trátase da continuación de “¡Esto es pop!”, un éxito editorial que tivo dúas edicións e que tamén contou cun espectáculo con música en directo.

Nos anos 50 do século XX o rock apareceu como un terremoto que sacudiu o mundo. Moitos pensaron que se trataba dunha moda pasaxeira, pero trabucáronse totalmente. Aquel son que impulsaron artistas como Chuck Berry, Elvis Presley e Jerry Lee Lewis puxo a xente a bailar e desatou unha tolemia colectiva que pervive aínda hoxe. Mantivérona vixente artistas como The Beatles, Janis Joplin, Led Zeppelin, Ramones, Queen, Blondie, Bruce Springsteen e Joan Jett, entre moitos outros.

Durante o espectáculo Javier Becerra explica, de maneira cronolóxica e interactuando cos nenos e nenas, os artistas máis significativos da historia da música rock, cal foi a súa achega e que supuxeron na evolución do xénero. O acompañamento musical faino Carolina Rubirosa (guitarra, voz e percusión), artista galega con ampla experiencia e traxectoria tanto en solitario como á fronte de The Funkles, xunto a  Rafa Otero (guitarra e voz).

A actividade está orientada ao público familiar e xa se desenvolveu con gran éxito nas festas de María Pita da Coruña, o festival Ikfem de Tui e proximamente no Purple Weekend de León. Tamén nas sala Playa Club (A Coruña) e Riquela (Santiago), así como no ciclo #viernespop de Marineda City (A Coruña), os festivais Super Bock Under Fest e Vive Nigrán de Vigo, o Centro Torrente Ballester (Ferrol), ciclo Presco da Coruña e na sede de Afundación na Coruña, entre outros.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “Isto é Rock é o primeiro espectáculo incluído no AmesOn de Nadal de 2022. O programa AmesoOn Nadal pretende dar vida ás rúas de Ames neste tempo de festas e consecuentemente promover as compras no comercio local”.

Cartaz do espectáculo "Isto é Rock"