Pestanas principais

Preséntase o concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent

Xoves, 22 de decembro de 2022

O Concello de Ames presentou onte o concerto solidario de Nadal que terá lugar o vindeiro mércores, 28 de decembro, na praza de Manuel Murguía. O recital, no que participará o violinista amesán Anxo Gómez Piñeiro, ten como obxectivo a recadación de fondos a prol da Asociación Gallega de la enfermedad de Dent, Art for Dent, que busca dar visibilidade a dita doenza e impulsar a súa investigación. A entrada para o concerto é gratuíta. A asociación Art for Dent disporá dun posto para vender diverso material (camisetas, etc.) co obxectivo de recadar fondos.

O concerto celebrarase na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, ás 20:00 horas. Anxo Gómez Piñeiro, de tan só catorce anos, ofrecerá un repertorio de catro pezas: Estudo nº 3, de Wieniawski; Introducción y rondó caprichoso, de Saint-Saëns; Concerto nº 4, de Mozart; e unha habanera española de Sarasate. Sobre o escenario acompañarao o pianista Brais González, e a súa actuación complementarase cunha serie de proxeccións sobre o traballo artístico desenvolto por Hugo, un dos rapaces integrantes da asociación Art for Dent que sofre a enfermidade.

Anxo Gómez, que durante a súa curta carreira musical recibiu xa numerosos recoñecementos, vén de gañar recentemente o primeiro premio no Concurso de Corda Cidade de Vigo, celebrado entre os días 8 e 11 de decembro. Ademais, acumula xa outros prestixiosos galardóns, como a mención de honra lograda na categoría de menores de 21 anos na Competición Internacional de Violín que tivo lugar en Bratislava en setembro.

O obxectivo do recital é a recadación de fondos para a investigación sobre a enfermidade de Dent, unha doenza de orixe xenético que afecta aos riles, e é moi pouco común. A iniciativa está liderada por Art for Dent, unha asociación nacida en maio de 2021, e conformada por varias familias de Galicia e Asturias, que se reuniron para loitar contra a enfermidade dende a arte e a cultura, dándolle deste xeito máis visibilidade.

Presentación do concerto
No acto de presentación do concerto participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o propio Anxo Gómez Piñeiro; María Castelao, en representación de Art for Dent, e o alcalde de Ames, Blas García.

A concelleira, Ana Belén Paz, manifestou que o recital é “unha das actuacións de Nadal máis esperadas polos veciños e veciñas de Ames”, e gabou a traxectoria musical de Anxo Gómez. Ademais, aproveitou para recordar como se fraguou a iniciativa. “Este mesmo ano, María, de Art for Dent, viña ao Concello cunha proposta para un concerto de verán solidario, e pareceunos unha bonita maneira de axudar aos nenos e nenas que sofren esta enfermidade. No AmesON de verán fixemos un concerto, e, dado o éxito, quixemos repetir agora en Nadal”.

Pola súa banda, María Castelao, en nome da asociación, agradeceu ao Concello e a Anxo e a súa familia a súa participación no recital. “A nosa asociación está moi relacionada co mundo da arte e da cultura, e para nós é moi bonito facer este concerto. Todo o que facemos é para darlle visibilidade a esta enfermidade, que é moi minoritaria e en Galicia solo a padecen dez nenos”, explicou. Así mesmo, engadiu que os fondos que logran recadar van destinados á investigación da doenza no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).

Anxo Gómez, pola súa parte, convidou á veciñanza a acudir ao concerto, e amosou a súa satisfacción por ter sido escollido para tocar no evento e poder poñer en valor o talento amesán. “Non contaba con esta situación, e estou encantado”, recoñeceu.

Para finalizar, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “sempre é un pracer, ademais dunha obriga para as administracións, colaborar con causas como a de Art for Dent. Ese día imos axudar a visibilizar, por un lado, todo o traballo que fai a asociación, e, por outro, a que os veciños e veciñas de Ames coñezan a capacidade, o traballo e o bo facer de Anxo”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent será o vindeiro mércores"

O concerto terá lugar o vindeiro mércores na praza de Manuel Murguía

Multimedia

  • Preséntase o concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent
  • Preséntase o concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent
  • Preséntase o concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent
  • Preséntase o concerto solidario de Nadal a favor da asociación Art for Dent