Pestanas principais

O Milladoiro e Bertamiráns recibirán aos personaxes Disney o luns 26 e o martes 27 de decembro

Sábado, 24 de decembro de 2022

O mundo Disney aterra en Ames a vindeira semana con motivo das festas de Nadal. Dentro da programación do Concello para estas datas, terán lugar diversos pasarrúas de personaxes Disney durante o luns 26, en Bertamiráns, e o martes 27, no Milladoiro. Os personaxes tamén pasarán polas carpas instaladas nas prazas da Maía e de Manuel Murguía para saudar e para que a rapazada poida sacar fotografías con eles nos fotomatóns que estarán dispoñibles. En caso de choiva só se realizarán as visitas nas carpas. 

Os pasarrúas desenvolveranse de 11:00 a 12:00 e de 17:00 a 18:00 horas en ambas localidades (o día 26 en Bertamiráns, e o 27, no Milladoiro), mentres que as visitas á praza da Maía e á praza de Manuel Murguía terán lugar de 12:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas. Non é necesario reservar praza para acudir. No caso de que a situación meteorolóxica sexa adversa, os personaxes dirixiranse directamente ás carpas instaladas nas prazas para recibir á cativada, sen realizar os pasarrúas, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinalou que “é o segundo ano consecutivo no que organizamos esta visita dos personaxes Disney, que o Nadal pasado tivo gran éxito entre os nenos e nenas de Ames”.

AmesON de Nadal
A visita dos personaxes Disney forma parte da programación do AmesON de Nadal do Concello de Ames. Ao longo das vindeiras semanas desenvolveranse, dentro deste programa, diversas actividades organizadas polo departamento de Promoción Económica para todos os públicos. Deste xeito, o mércores 28 de decembro celebrarase o concerto solidario do violinista Anxo Gómez Piñeiro para a asociación Art for Dent, mentres que o 5 de xaneiro terá lugar a actuación de María Fumaça no Milladoiro, e a de Pesdelán en Bertamiráns.

Os personaxes Disney volverán por segundo ano a Ames