- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da Gran Festa de Reis que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xaneiro en Ames. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez. Estiveron acompañados por Graciela Castro, en representación de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), e por varios nenos e nenas do CEP de Ventín e do CEIP da Maía. A programación presentada inclúe unha recepción dos Reis á cativada, visitas por todas as parroquias, cabalgatas no Milladoiro e en Bertamiráns e unha despedida nos pavillóns municipais. As actividades organizadas polo Concello de Ames durante o Nadal 2022 poden consultarse ao completo premendo nesta ligazón.
A Gran Festa de Reis inclúe unha ampla oferta de actividades e espectáculos que se desenvolverán ao longo dos días 3, 4 e 5 de xaneiro en distintos puntos do concello, e que se deron a coñecer nun acto celebrado esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, no que participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez; Graciela Castro, de CLUN, e diversos nenos e nenas amesáns.
A programación dará comezo coas recepcións dos rapaces e rapazas que farán os Reis Magos ao longo do martes 3 e do mércores 4, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Alí, as Súas Maxestades atenderán as peticións de agasallos e ofrecerán á cativada un obxecto máxico, unha chave que permite acceder a todos os domicilios de Ames, e que debe ser colocada nas casas a noite de Reis. Deste xeito, os Reis Magos estarán os dous días (3 e 4 de xaneiro) nos pavillóns de ambas localidades. As persoas interesadas en asistir deben acudir con cita previa, que se pode reservar accedendo á Sede electrónica do Concello de Ames e seleccionando día, hora, e localidade. As visitas pódense facer de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
Xa o día 5 de xaneiro, os Reis Magos pasarán por todos os recunchos do concello, visitando os locais sociais, para que tantos os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Aguapesada ás 10:30h, por Piñeiro e Covas ás 11:00h, por Tapia e Ortoño ás 11:30h, por Lens ás 12:00h, por Agrón e Bugallido ás 12:30h, por Trasmonte ás 13:00h e por Biduído ás 13:30 horas. As visitas contarán coa colaboración das diversas asociacións de veciños do rural e da Protección Civil de Ames, que acompañará aos Reis e aos paxes ao longo de todo o seu percorrido.
Para finalizar a Gran Festa de Reis, o propio día 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, e nas que se repartirán caramelos. Ademais, xunto aos Reis viaxará tamén un gandeiro da cooperativa CLUN para distribuír bolsas de lambetadas. As rúas polas que pasarán aínda están por definir e serán anunciadas o vindeiro 2 de xaneiro.
A primeira desas cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de batidos doados por CLUN.
Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu a colaboracións das ANPAS do CEP Ventín, dos CEIP Barouta, Maía e Agro do Muíño e dos IES do Milladoiro e de Ames, así como a participación das asociacións de veciños e veciñas do rural e a doazón de CLUN. Aproveitou tamén para pedir ás familias “que vaian a visitar aos Reis os días 3 e 4, xa que o día 5 será moi intenso, e virán só a despedirse aos pavillóns, despois da cabalgata”.
Graciela Castro, en representación de CLUN, explicou que “este ano imos estar en seis concellos, e o obxectivo é darlle visibilidade aos gandeiros e gandeiras da nosa terra, por iso as cabalgatas de Reis contarán cunha personaxe moi especial nas súas carrozas, un gandeiro da nosa cooperativa que irá repartindo bolsiñas de lambetadas. Tamén teremos reparto de batidos, globos e un photocall cunha viñeta do recoñecido artista Luis Davila”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “os Reis van estar tres días no noso concello, para que todos os nenos e nenas poidan visitalos e pedirlles todos os seus desexos. Recibirémolos e darán un paseo por varias rutas aínda por definir”. Por outra banda, puxo en valor as visitas que as súas maxestades realizarán ao longo de todas as parroquias de Ames. “Para nós é fundamental o rural que temos no concello, e poder achegar aos Reis Magos á xente dos núcleos rurais e ás parroquias, que ao mellor non teñen posibilidade de achegarse ese día en concreto a Milladoiro e Bertamiráns, é moi importante”, sinalou.
Así mesmo, o rexedor municipal agradeceu a colaboración das empresas organizadoras e da Protección Civil de Ames e a cooperación de CLUN por “poñer en valor todo o traballo que fan os gandeiros e gandeiras do rural”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos estarán tres días en Ames y amplían su recorrido a las parroquias"
AMS GO!: "Ames celebra a Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro"