- Tematica
Este xoves, 29 de decembro, o Concello de Ames celebra o último pleno ordinario de 2022. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) pola actual concesionaria Espina & Delfín a partir do 31 de decembro de 2022. Tamén se abordará a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames e a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá. O pleno poderase seguir por streaming a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación das actas do pleno ordinario do pasado mes de novembro, así como dos plenos extraordinarios celebrados o 29 de novembro e mailo 21 de decembro.
Dentro do apartado de deliberación e acordo abordarse a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) pola actual concesionaria Espina & Delfín a partir do 31 de decembro de 2022. No pleno do 29 de decembro de 2016 adxudicouse o contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga á Espina & Delfín. A prestación iniciouse o 16 de xuño de 2017 e a vixencia foi de dous anos máis outros dous de prórroga. Rematados ditos prazos, acordouse no Pleno do 29 de abril de 2021 a continuidade do contrato ata o 31 de decembro de 2021. Posteriormente, no pleno do 28 de decembro de 2021 volveuse aprobar a continuidade do servizo por 12 meses máis ata o 31 de decembro de 2202 .
Chegado o momento actual o técnico municipal do Ciclo Integral da Auga emitiu novos informes nos que conclúe que non é posible ter acadada unha decisión sobre a prestación directa do servizo do ciclo integral da agua antes do 31 de decembro 2022 e propón a continuidade nun tempo estimado de 16 meses. Polo que a Corporación municipal debaterá sobre a proposta de continuidade do servizo co actual adxudicatario, Espina & Delfin SL, ata o 30 de abril de 2024 (salvo que anteriormente se acade a prestación directa do servizo polo Concello) mantendo as mesmas condicións do actual contrato asinado o 27 de xaneiro de 2017 e as tres addendas posteriores.
Servizo de atención temperá
Outro dos temas a tratar será a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá. Os Concellos de Ames e Teo asinaron un convenio para a prestación do servizo de Atención Temperá de forma agrupada, que tiña vixencia inicialmente ata o 31 de outubro de 2022. Debido a que ambos Concellos tiñan interese en dar continuidade a dito servizo prorrogouse a vixencia de dito convenio, dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2023, formalizándose a citada prórroga o 27 de outubro de 2022.
Mediante Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá nos anos 2022 a 2024 incorporouse como novidade o financiamento para dous anos, de tal forma que o período subvencionable abrangue dende o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2024. No caso de agrupacións de concellos, é requisito indispensable para o acceso a estas axudas ter subscrito un convenio de colaboración con vixencia durante todo o período respecto do cal se solicita a subvención, polo que resulta preciso adecuar a vixencia do convenio ás esixencias da Orde de convocatoria destas axudas.
Debido a que o prazo para a solicitude da subvención remataba o día 30 de novembro de 2022, os Concello de Ames e Teo autorizaron a ampliación do prazo de prórroga mediante decreto da Alcaldía. No Concello de Ames a competencia para acordar a prórroga corresponde ao Pleno polo que a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o prazo da prórroga do convenio. En lugar do período establecido dun ano establécese un período de tres anos (dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2025), condicionado á vixencia da subvención para a prestación do servizo no marco da Rede galega de atención temperá.
Mercado de venda ambulante
Por último, abordarase a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. A aprobación inicial da modificación de dito regulamento foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de setembro. No novo regulamento, entre outros puntos, regúlase o horario do mercado ambulante tradicional que se realizará os sábados de cada semana, pola tarde, durante todo o ano, así como a creación dun novo mercado de produtos de horta e artesanía, que tamén se desenvolverá todos os sábados do ano, pola mañá de 10.00 a 14.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se contempla o incremento de postos no mercado ambulante tradicional.
A proposta que terá que debater o pleno é a desestimación das alegacións presentadas fronte ao acordo plenario do 29 de setembro de 2022 de aprobación inicial da modificación de dito regulamento, así como aprobar, con carácter definitivo, a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames.