Pestanas principais

Organízase a segunda etapa do “Xiro Grande dos Montes” dentro do programa de Andainas Saudables

Luns, 09 de xaneiro de 2023

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza a segunda etapa do “Xiro Grande dos Montes de Compostela”. A ruta realizarase este sábado, 14 de xaneiro. Percorreranse arredor de doce quilómetros, partindo da Lavacolla e chegando ata A Igrexa (Cesar). Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario ata este xoves, 12 de xaneiro, ás 16:00 horas. Haberá servizo de autobuses con saída dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 10:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:15 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa municipal Andainas Saudables. Trátase da segunda etapa do “Xiro Grande dos Montes”, un recorrido de 97 quilómetros que se dividen en 9 etapas ao longo dos distintos montes de Santiago de Compostela, onde os camiñantes poden gozar de vistas panorámicas da cidade e da súa contorna natural.

Esta segunda etapa comeza na escalinata da igrexa clasicista de San Paio de Sabugueira, na Lavacolla. Avanzando por un lateral chégase ata o Camiño Francés, que conduce á aldea de San Paio, onde os camiñantes poden descansar á sombra da súa carballeira e refrescarse na fonte.

Seguindo o percorrido polo Camiño Francés chégase ata Requesende, e máis adiante, a Quintás, onde se atopa a igrexa de San Xulián de Carballal, que combina os estilos románico e barroco. Tras un treito boscoso, chégase ao final da etapa, na parroquia de Cesar, onde se pode gozar das vistas do val do concello limítrofe.

Hai 70 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata este xoves, 12 de xaneiro, ás 16:00 horas, cubrindo o formulario ao que se pode acceder dende a seguinte ligazón ou mediante o código QR do cartaz. Haberá servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (con saída ás 10:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (con saída ás 10:15 horas).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Retomaranse as andainas saudables no Xiro Grande dos Montes o sábado 14"

A segunda etapa do "Xiro Grande dos Montes" recorrerá 12 dos 97 quilómetros que se dividen en distintas etapas

Multimedia

  • Organízase a segunda etapa do “Xiro Grande dos Montes” dentro do programa de Andainas Saudables