- Tematica
O departamento de Xuventude do Concello de Ames organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo para o alumnado dos institutos do Concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida aos rapaces e rapazas de 1º e de 2º curso da ESO, desenvolverase os luns e os mércores no Milladoiro, e os martes e xoves en Bertamiráns, en horario de 16:30 horas a 19:45 horas.
A actividade de reforzo educativo deu comezo no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (para a rapazada do IES de Ames) o pasado xoves 19 de xaneiro, mentres que onte, luns, iniciouse na Casa da Cultura do Milladoiro (para o alumnado do IES do Milladoiro). En total impartiranse seis horas de clases de apoio para a rapazada de cada centro educativo, un total de doce horas á semana. Os destinatarios son arredor de 50 mozos e mozas matriculados actualmente no 1º ou 2º curso de educación secundaria, a etapa que na máis demandado é o apoio á formación.
Metodoloxía de traballo
Durante estas horas de reforzo, os rapaces e rapazas están divididos por cursos e áreas formativas. A metodoloxía do programa consiste en traballar a comprensión das ideas adquiridas na clase a través da práctica do temario xa impartido. Deste xeito, o alumnado reforza as lagoas de coñecemento, repasando contidos concretos que foran previamente explicados nas aulas.
Ademais, facilítase a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan aos estudantes atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos. Os propios departamentos de orientación dos IES de Ames e do Milladoiro son os encargados de derivar aos alumnos e alumnas que polas súas circunstancias sexan candidatos a participar e sacar o máximo proveito da iniciativa.
O programa, que xa leva máis dunha década en marcha, xorde da colaboración entre os centros educativos de secundaria e o Concello de Ames. Desta maneira, cada ano, entre os meses de xaneiro e xuño, os departamentos de orientación educativa dos institutos e o departamento municipal de Xuventude contactan e colaboran para poñer a disposición dos rapaces e rapazas que o necesiten esta ferramenta.
A concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, destaca que “dende Xuventude somos conscientes da importancia de acompañar aos e ás estudantes no paso da educación primaria á secundaria. É fundamental establecer, ao longo desta etapa de adaptación, uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos estudos, procurando ademais prever situacións relacionadas co fracaso ou o abandono escolar”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Comienza el programa de refuerzo educativo en los institutos de Ames"
El Correo Gallego: "'Mamá Concello' vela por los alumnos rezagados con un refuerzo educativo"