- Tematica
As instalacións do Pazo da Peregrina acolleron esta semana unha nova xuntanza do pleno do Consello sectorial da Cultura, na que se realizou unha análise polo miúdo da política cultural municipal. Deste xeito, fíxose referencia ás debilidades e fortalezas que teñen as políticas culturais do Concello de Ames, destacando a necesidade de novas infraestruturas culturais e a elaboración dunha programación específica para a poboación do rural. Ademais, incidiuse na necesidade de valorar, a través dunha enquisa, os días que son máis axeitados para programar actividades culturais e tamén se fixeron achegas para, se é posible, incluír na nova liña de axudas para 2023. A xuntanza estivo presidida pola concelleira de Cultura, Natividade González, e pola técnica do departamento municipal de Cultura, María Vázquez.
Este pasado luns, 30 de xaneiro, reuníronse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os membros do pleno do Consello sectorial da Cultura de Ames. En dita xuntanza participaron a concelleira de Cultura, Natividade González; a técnica do departamento municipal de Cultura, María Vázquez; e a directora da Escola Municipal de Música de Ames, Pilar Martínez.
Tamén acudiron os representantes dos partidos políticos con representación na Corporación municipal (Ana Belén Paz, do grupo socialista; Genma Otero, voceira de Contigo Podemos; Javier Olmo, do grupo popular; e do grupo mixto participaron Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos); e representantes de diferentes asociacións culturas do concello. Tamén forman parte do Consello da Cultura o director da Escola de Teatro, Artur Trillo, e un representante do servizo de Bibliotecas municipais, Xoanma Pérez. Ambos non puideron acudir a dita xuntanza por motivos persoais.
A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “o Consello sectorial da Cultura é un órgano de participación, debate, seguimento e avaliación. Conta cunha ampla presencia da maioría das asociacións e entidades culturais”. Ademais, destaca “a necesidade destas xuntanzas con todos os sectores implicados no sector cultural do concello, debido á riqueza que xera, o dinamismo e a oportunidade de poñer en valor e o moito que teñen que aportar desde os súas propias perspectivas”.
Neste primeiro pleno do Consello sectorial da Cultura realizouse unha análise polo miúdo da política cultural municipal. Deste xeito, fíxose referencia ás debilidades e fortalezas que teñen as políticas culturais do Concello de Ames, destacando a necesidade de novas infraestruturas culturais e a elaboración dunha programación específica para a poboación do rural. Ademais, incidiuse na necesidade de valorar, a través dunha enquisa, os días que son máis axeitados para programar actividades culturais. Este foi un dos temas que máis debate creou e o obxectivo é preguntarlle á veciñanza por esta cuestión.
Tamén se falou de propostas, que se consideran necesarias para o ano 2023, e que poden ser interesantes para o Concello, dende un punto de vista de dinamización e programación cultural. Outro tema que ocupou parte do debate foron as subvencións de apoio a entidades culturais e para a promoción e festas populares, onde se quedou en seguir traballando sobre este tema. Realizáronse diferentes achegas que se van estudar e verase se é posible incluílas na próxima convocatoria de axudas correspondente ao exercicio 2023.
Debido ao longo debate xerado polos temas tratados e chegadas as dúas horas de reunión quedaron sen debater os puntos relativos ás infraestruturas e equipamentos culturais e á creación de grupos de traballo. Quedouse en convocar outra sesión do pleno para o vindeiro mes de marzo, mentres traballarase durante este mes de febreiro nas subvencións de 2023.